O Marelo mollou

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

13 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

O Marelo anda estes días un pouco derreado, como se lle tremeran as pernas. Unha veciña alertoume onte do que lle pasaba a este can comunal: «botou un casquete», díxome explicitamente. Quedei mirando para ela e para o can e foi entón cando me explicou que un veciño noso, que é natural de Carballo, pechou á súa cadela e mailo Marelo nun pendello e parece ser que houbo feeling entre os animais. A cadela anda sempre moi aseada e presumida, é da vila, creo que a teño visto cun laciño rosa. Ademais posúe uns xamóns que levantan suspiros no xénero canino. Ata hai unha tempada nunca se fixou moito no Marelo porque este é medio baldreu e pasa o día estomballado nas beirarrúas, rañando os atariles e perseguindo as moscas. Tamén hai que dicir que o Marelo xa é medio patrón, con pelos brancos no bigote e unha retranca propia dun pensionista con paga mínima. Pero veu o quente, as hormonas da cadela puxéronse a seis mil revolucións por minuto e segundo contan xa empezaba a subir polas paredes. O dono que non lle gusta contrariar á natureza, fíxolle un favor ó Marelo e abriulle disimuladamente a porta do pallote para que puidera botar un fly. E aló entrou o vello can, ácrata e gaiteiro, cunha mestura de lascivia e temor a non dar a talla. O meu veciño pechou a porta e sabe deus o que pasou alí dentro. Eso só o saben os dous e o Marelo non é amigo de contarlle a súa vida a ninguén e menos a íntima. O caso é que despois foguear, chapar, chimpar, casquetear, trincar, ou vaia saber o demo como se lle chama o zúmballe dálle en linguaxe canina, o Marelo anda con maniotas ata no rabo. Xa lles contarei nunhas semanas se funcionou o coitus interruptus ou pronto hai mareliños.