«O Concello debe colaborar no que poida cos emigrantes»

C. Abelleira CARBALLO

CARBALLO

Entrevista | José Antonio Periscal Barca O Concello ofrece hoxe unha recepción ós emigrantes que participan no programa «Reencontros», todos eles procedentes de Uruguai

10 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

José Antonio Periscal Barca é o primeiro concelleiro delegado de Emigración da historia de Carballo, un concello que ten máis de 4.000 veciños no exterior. Unha das principais colonias está en Montevideo, e precisamente desde a capital uruguaia chegan os participantes no programa Reencontros , que financia a Xunta de Galicia. O goberno municipal ofrécelles hoxe unha recepción. - ¿Era preciso crear un área municipal dedicada especificamente á emigración? -Eu considero que si, sobre todo nas circunstancias nas que están os nosos emigrantes en Sudamérica actualmente. Necesitan axuda, e o Concello debe colaborar no que poida cos emigrantes, é importante. - ¿Por onde se vai enfocar o traballo do departamento? -En principio queremos ter unha toma de contacto cos emigrantes retornados, se pode ser personalmente, mellor. Despois intentaremos preocuparnos polas situacións nas que están, que a maioría son bastante malas economicamente, e se se pode axudar e colaborar intentaremos facelo na medida en que poidamos. E tamén lles trasladaremos as informacións que poidan chegar da Xunta ou de calquera outro organismo. Considero que son os primeiros pasos que hai que dar. - ¿Tivo xa contactos cos emigrantes? -Cos que participan no programa Reencontros , si, con todos; pero nos poucos días que levamos no goberno a verdade é que aínda non houbo moito tempo. Agora os que máis nos preocupan son os que están retornando. A partir de aí haberá que empezar a traballar.