O oso que foi de copas

RAMÓN L. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

11 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

MENOS MAL que xa atoparon ó osiño de Camariñas. Estaba na Coruña, ó lado do Coliseum, no populoso barrio de Elviña, durmindo a carón dun cartel de obras da Xunta. ¡Manda nabo co lugar que escolleu¡. E digo que escolleu porque dende que vin a foto no xornal estou convencido de que ó bicho de Camariñas non o roubou nin o secuestrou ninguén. Foi el mesmiño o que se lle deu por ir de varanda ata A Coruña. Imos ver. Póñanse no sitio do pétreo animal que leva milleiros de anos aló na zona de Reira, aguantando frío, choiva ou calor. ¿Non ten dereito a ir de foliada? O que pasa é que non se pode. Neste país calquera cousa que se faga sae nos xornais, revoluciona ós conservacionistas e amarga a catro quintacolumnistas fracasados (dos que hai que mandar ó quinto pino, coma o barco). Na foto do xornal saía tapadiño cunha lona coma as que usan as empresas que traballan na limpeza do chapapote. Supoño que está avergoñado diante de tanto paparazzi e por iso se acochou entre eses trapos. Nin que fose a Pantoja e o alcalde de Marbella. Estaba feliz por ir dar unha volta ata A Coruña, a tomar unhas copas polo Orzán e coñecer morenas de infarto: «Hola guapo tú eres de La Coru, mismo, mismo». E mentres os do Seprona detrás del como se fosen unha sogra impertinente. ¿Acaso non merecía unhas vacacións? Se lles digo a verdade, o único medo que teño é que ademais de ir ó Orzán se lle pasara pola cachola ir ata ó aeroporto de Alvedro, para coller un billete ás Canarias. Quizais el sexa dos poucos que se acordan dos centos de mozos da zona que se atopan lonxe, demasiado lonxe, para vergoña de xestores e estadistas, e quizais un pouco de todos.