«A conciencia ambiental aínda é insuficiente»

P. T. / S. G. CARBALLO

CARBALLO

ANA GARCÍA

O veterano ecoloxista lamenta a falta de infraestructuras

05 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

Manuel Soto Castiñeira, vimiancés, profesor de Enxeñería Química na Universidade da Coruña, é o presidente da Asociación para a Defensa de Galicia, Adega. Onte, con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, falou en Radio Voz Bergantiños. -¿Este tipo de días son bos para reflexionar? -Si que serven, sobre todo tendo como temos aí o Prestige , unha auténtica catástrofe ambiental, que debe ser motivo de reflexión. Ademais o Día Mundial do Medio Ambiente é un día ecoloxista e tamén institucional, os concellos e as institucións deberían hoxe (por onte) explicar as medidas que ten pensado levar adiante para resolver a grave situación da Costa da Morte. -O da conciencia ambiental quizais se puido ver na resposta contra a marea negra, pero aínda é insuficiente. Hoxe aínda é necesario que a sociedade en xeral tamén saiba que conciencia é conservar as especies de fauna ou de flora e, sobre todo, a base da economía e o desenvolvemento futuro. Por iso se fala hoxe tanto de desenvolvemento sustentable. - ¿Que outras carencias observa na comarca? -En infraestructuras medioambientais, na Costa da Morte estamos no punto de partida. Espacios como Baldaio, enseadas como a do Anllóns, o resto de Rede Natura por Camariñas, zonas de Carnota, aínda hoxe non teñen ningún tipo de actuación en positivo nin aulas de natureza ou proxectos de desenvolvemento. -¿E problemas máis xenéricos? -Existen varios. Un dos maiores é a destruccción dos ríos por proxectos de encoros e minicentrais. Incluso espacios naturais por parques eólicos, unha enerxía que efectivamente hai que desenvolver, pero hai que ver cómo se fai, igual que outras actuacións das que se podería falar moito.