Preguntas sobre o «Prestige»

MANUEL CEFERINO DÍAZ DÍAZ

CARBALLO

TRIBUNA DE ORADORES | O |

21 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

SE NOS guiamos polas manifestacións do Goberno de Madrid ou dos responsables da Xunta, a situación en Galicia tralo desastre do Prestige non só está xa solucionada senón que é mellor que a de antes. Segundo o Presidente Fraga case nos tocou a lotería. Consecuentemente con esta visión, o único problema é a oposición que, en lugar de aplaudir, trata, xunto con Nunca Máis, de esaxerar un problema que non existe. Seique as praias van quedando esplendorosas, os mariñeiros traballan coas redes cheas de pesca disfrutando no mar, o Plan Galicia é xa unha realidade virtual -non se ve pero existe- e o turismo solidario, engadíndolle o curioso, garantiza unha ocupación máxima. Neste contexto é claro que a oposición e os disconformes de sempre se queixan de vicio, tentando desgastar un Goberno que actuou ben aínda cando se equivocou. Ate aquí un resume riguroso do que di o Goberno en Madrid e en Galicia. Culpables Xa dende outra óptica máis real, culpar á oposición dende o principio dos fallos do Goberno é un dos seus grandes erros porque a catástrofe foi e é unha realidade que aínda existe e que por moitos anos impactará negativamente a Galicia. Porque o fuel do Prestige que hoxe o Nordés leva cara ó Cantábrico pode voltar no outono ás costas galegas se non se poñen prazos ás alternativas de remediación, que as hai. Porque aínda hoxe non coñecemos a afectación futura da marea negra ós recursos pesqueiros, marisqueiros, acuícolas e ós seus nutrientes, tanto no referido á súa reproducción como á súa mortandade, coa desaparición dalgunhas especies ou co comportamento das que sobreviviron. Porque tampouco se coñecen estudios nin se ten medido o impacto da catástrofe nas praias, nas zonas de producción de bivalvos, na Costa da Morte e demais áreas afectadas. Nin coñecemos o que deparará o futuro con respecto ás rochas contaminadas, os fondos marinos, a sua limpeza, o estado en que quedaran , e se será posible a fixación das especies que habitaban neles antes da catástrofe. Son moitos os erros e moitas tamén as responsabilidades. Se aquel fatídico día de novembro a opción máis viable era o afundimento do barco -eso terán que dirimilo os expertos- ¿cara onde se pretendía levalo? ¿Non sería mellor facelo de forma controlada para facilitar a recuperación posterior du fuel?. O Prestige estaba ferido e o mar non ten a ningures como destino. Todos estes problemas hai que aclaralos e as Administracións, a través dos equipos de investigación galegos e coa colaboración dos máis directamente afectados e ó tempo coñecedores do medio, deben aplicarse a estudialos e aclaralos. En cambio, parece maior a preocupación por normalizar que por resolver de feito os problemas que nos afectarán mañá. Porque se o Goberno tomou as decisións correctas, ¿cales serían as consecuencias se se tivesen equivocado? Os máis depositamos a nosa confianza no traballo e no esforzo das xentes do mar e na natureza. E esiximos a posta en marcha por parte dos poderes públicos responsables dos medios precisos para que o futuro se garantice e non dependa dunha lotería que sempre toca a moi poucos.