Marisol Soneira afronta o último treito dos seus 16 anos como concelleira en Camariñas (réxime interno de incompatibilidades do PSOE obriga) cun intenso traballo: organizar a decimoterceira Mostra do Encaixe. Sustitúe nas funcións a Antonio Alonso, volcado coas tarefas de limpeza. - ¿Por que está vostede como coordenadora? -Polo Prestige . Tódolos compañeiros levaban xa tempo coas tarefas de coordinación da limpeza e o do encaixe foise retrasando. O alcalde fíxome o encargo e eu aceptei. -¿Cales serán as principais novidades? -Só haberá venda directa da artesanía do encaixe e sectores relacionados. Só teremos un expositor portugués que rompe un pouco esta armonía. Tamén teremos un novo decorado, creamos a Casa do Encaixe e, en canto ós desfiles, nesta mesma semana decidiremos sobre a presencia de dous grandes-grandes deseñadores galegos. -¿E no tocante ó concurso de xoves deseñadores? -Intentaremos conseguir unhas becas de formación para eles, estamos pendientes dun acordo coa Consellería de Industria, que creo que terá éxito. -¿A solidariedade estará presente na feira? -Totalmente. En tódolos aspectos. A mensaxe e que non queremos que nos manden camións de froita, non queremos xoguetes, non é necesario nada diso porque nos asfixia a economía. Os que queiran ser solidarios, que compren encaixe, que a cadea de produccción se manteña activa. -¿No cartel tamén haberá referencias? -Si. Acabámolo de cambiar. Facemos referencia á marea blanca do encaixe, cunha especie de ondas, batendo no museo de Man. A Mostra será a marea branca. -¿Haberá presencia da Costa da Morte? -Están invitados tódolos concellos e Neria. Precisamos unha imaxe unitaria. Hai que lembrar que a Mostra foi o primeiro aldabonazo da promoción turística da bisbarra. -Tamén teñen novidades na gastronomía. -Un día para o rodaballo, coa colaboración de Prodemar e a implicación da hostelería. Tamén teremos mexilón de Galicia e pulpeiros de Carballiño, con pulpo envasado previamente á marea negra, claro. -O que non perde é a nota internacional. -Non. Convidamos ós de sempre e a outros. E ata teremos stands de Calviá e Baleares, con 60 metros.