O CARTAFOL
21 nov 2002 . Actualizado a las 06:00 h.NON QUERO nin podo deixar fóra do cartafol as miñas impresións sobre o Prestige . É un tema que estará de actualidade durante moito tempo mentres duren os efectos devastadores do chapapote e ata que rebente outro, pois non será este o derradeiro. As letras maiúsculas da Costa da Morte quedan agora pequenas: morren as aves, morren os peixes, morre o marisco, todas fontes de vida, de riqueza, de subsistencia. Se vivise Mozart poderiámoslle encargar un réquiem polos animais e polos mariscadores que van pasar fame gorda, que o van pasar estreito anque cobren as subvencións. ¿Podemos sinalar xa co dedo ós verdadeiros culpables deste capítulo negro da historia da nosa bisbarra? ¿A quen se lle reclama? ¿Ó irresponsable que trouxo ó mundo a todos eses desalmados que antepoñen os cartos á vida da humanidade sen facer nada para evitar semellante exterminio? ¿Estaba o capitán en plenas facultades mentais cando decidiu entorpecer as manobras necesarias para reducir na medida do posible as dimensións desta desfeita? Rabia, desolación, impotencia, absurdo, desacougo. Todas estas palabras valen para expresar o que un sente ante tal calamidade. Non sei quén dixo que se trata de fuel e non de petróleo. Teñen gracia algúns. O desastre, os desastres, pois xa van aló demasiados. Hai quen ousa afirmar que peor sería se morrese xente. Claro, como esas cinco víctimas do temporal que provocou a caída dos guindastres. Non, non houbo mortos, os tripulantes salváronse e rin non sei de qué mentres xogan ás cartas. Pero o desastre é inmenso igual. Non morreron homes nin mulleres, pero agora todos miran como desaparecen os seus recursos. A xente que vive do mar morre metaforicamente de pena ó ver semellante traxedia. Se vivise Rosalía escribiría un poema para darnos a súa visión sobre as duras condicións de vida no mar e falaría da morte, da desgracia, do sufrimento e do destino fatal que nos persegue vaiamos a onde vaiamos. Como colofón direi que non podemos tampouco esquecer a contaminación das praias desde Arteixo ata Fisterra. Cando no verán queiramos deitarnos na area ou pasear pola beira do mar, aínda han de estar aí os restos para enzoufar as toallas recén estreadas e os pés que despois lavaremos con deterxente ó chegar aborrecidos á casa.