O Concello de Cabana pretende aprobar «o máis pronto posible», según declarou o seu alcalde, Enrique Díaz, o plan especial do dolmen de Dombate. Este mes, polo tanto, vaise celebrar o pleno no que os distintos grupos da corporación expresarán o seu parecer, aínda que parece haber unanimidade sobre a necesidade de actuar canto antes na mámoa. O rexedor cabanés explicou que o plan está dividido en tres zonas. A primeira correspóndese coa que ocupa o dolmen propiamente dito; a segunda abarca todo o entorno, incluídos os aparcamentos e o edificio de interpretación, e na terceira figuran as poucas vivendas que hai na volta. Precisamente nesta última podería estar, en opinión de Enrique Díaz, o único motivo de desacordo. A razón é que no plan establécese a necesidade dunha superficie mínima de 4.000 metros para edificar. O goberno local propuxo que se rebaixara, pero Patrimonio non está polo labor, e finalmente parece que non haberá cambios neste sentido. Despois de doce anos a voltas co proxecto, o alcalde de Cabana coincide con outros grupos políticos e con diversos expertos na necesidade de actuar dunha vez ou, do contrario, de tapar o dolmen, «para que polo menos non se estropeen as pinturas», sinalou. Pero, ademais do visto bo do Concello, tamén está pendente o de Patrimonio, que debe autorizar calquera actuación no monumento.