«O que máis lles impresiona é ver cómo corre a auga»

Santiago Garrido Rial
S. Garrido CARBALLO

CARBALLO

21 ago 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

O departamento de Servicios Sociais do Concello de Camariñas organiza, para esta tarde, unha conferencia sobre o Sáhara. Será ás sete, na Casa de Pedra, e será impartida polo monitor dese país que acompaña ós nenos que están de acollida no municipio. Oito nenos con outras tantas familias. A psicóloga Ana Isabel Martínez Arranz é a coordinadora desta estancia. -Os rapaces chegaron en xullo. ¿Como vai o periodo de adaptación ó medio? -Moi ben. Son seis nenas e dous nenos de sete e oito anos que, ó principio, tiñan algún problemiña coa comida (por exemplo, non comen carne), pero agora xa vai todo ben. Incluso co idioma. Cando chegaron só falaban árabe, e agora xa falan algo español, aínda que entenden mellor do que falan. Pero é normal, levan pouco tempo. -¿As familias que os acollen tiveron algún problema importante con eles? -Non, ningún importante, os normais cando chega un rapaz á casa, vén de tan lonxe, doutra cultura e ten que vivir. A primeira semana estranaban moito a súa terra e familia, porque era a primeira vez que saían dalí. Xa van collendo costumes. Creo que o máis máis lles impresiona ós nenos é ver cómo corre a auga pola billa, van a pechala axiña, pero aló a auga non abonda como aquí. -¿Que tal a experiencia para o Concello? -Moi gratificante. O ano que vén repetiremos (se hai familias e cartos) e xa non pagaremos a novatada en algunhas cousas. Pero é bo para todos. As familias encaríñanse con rapaces e os rapaces con elas. E hai unha responsabilidade.