AS COMIDAS DO VERÁN

La Voz

CARBALLO

SANTIAGO GARRIDO PASABA POR AQUÍ

17 ago 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Noutro tempo, as festas e fastos gastronómicos do verán eran cousa de terras lonxanas. Aquí chegaba algo de arrecendo e xa bo era. Había marisco arreo no Grove e pulpo no Carballiño, ou viño en Ribadavia e queixo en Arzúa. Mais os tempos trocaron. Velaí que agora, tras un escaso periodo no que se perdeu o ourizo de Camelle, o percebe de Fisterra ou as angulas de Ponteceso, renace o bo xantar como renacen, así mesmo, as flores pola primavera. Hai na Costa da Morte lugares para papar percebes, e pan, e patacas, e pulpo, e para longueiróns tamén hai. Ou para o congrio, a troita, o raxo, o poldro, o churrasco, o berberecho. E dentro duns días en Baíñas terán a súa Festa do Polo, de excelente resultado en anos anteriores. Algún socarrón xa dixo que o mesmo día fará o xantar do galo de corral. Isto dá unha idea do ateigado que está o calendario gastronómico da bisbarra e de como se pode crear un conflicto veciñal por uns zancos. Como siga así casi non quedarán alimentos ós que exaltar e cos que engordar máis aínda. Sen embargo, e atendendo ó criterio de servicio público e non a outra cousa que debe presidir esta humilde sección, suxerimos diversas propostas para cubrir esos escasos buratos que aínda quedan. Propoñemos celebrar, por tanto, a festa da kika, festa do kiko, de chuchameles fritos con arroz, de zancos de caracol en salsa, de cachelos en auga, mexilóns con tortilla, a da tortilla soa, a festa do coello bravo de monte, o coello da casa, a faneca doce, a do peixe espada con chulas de ovo, os follados con figos verdes, a do trigo limpo, a festa do pichón salado ou a do touciño con chocolate. Calquera outra proposta será atendida e publicitada. Agora, imos a polos polos de Baíñas.