A. MARTÍNEZ A ENTREVISTA Aurora Montes Santa Olalla, directora do Servicio Galego de Igualdade As poboación feminina da comarca de Bergantiños vaino ter un pouco máis fácil a partir de agora. Coa entrada en funcionamento do Centro de Información á Muller (CIM) de Carballo cúbrese un gran baldeiro na prestación de servicios sociais. A directora do Servicio Galego de Igualdade, Aurora Montes Santa Olalla, fixo moito fincapé na necesidade de que toda a sociedade se implique na consecución dese obxectivo, porque «o tema da muller -asegura- non é específico dun só colectivo, senón que afecta a todos».
13 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Aurora Montes estivo onte en Carballo, onde falou sobre a rede de centros de información á muller promovidos polo Servicio Galego de Igualdade. Neste sentido aludiu á recente posta en marcha da oficina de Zas, que en principio dá cobertura á comarca de Soneira e parte da de Fisterra. Na Costa da Morte non está previsto abrir máis polo momento, aínda que tampouco se descarta esa opción se hai demanda. -¿Por que se creou unha rede de centros? -Na Coruña temos quince centros de información á muller espallados pola a provincia, e atenden no só ó concello onde están ubicados, senón a todo o entorno, para que ningunha muller teña problemas polo feito de non ter un centro de información próximo. -¿De que xeito está integrado o equipo de personal que os atende? -No caso de Carballo hai unha asistente social, un psicólogo e unha letrada. Penso que son as demandas fundamentais das mulleres, por iso estamos a poñer este tipo de personal en tódolos centros, porque as demandas principalmente son na área xurídica, na área psicolóxica e no sentido xeral. -¿E cal é o seu labor? -O Centro de Información á Muller dá información, fundamentalmente, pero non só dentro, senón tamén fóra do centro. Nós poñemos á súa disposición tódolos servicios e dependencias da Consellería de Familia e do propio Servicio de Igualdade para coordinar con eles o dar formación e información, dinamizando dalgunha forma ás mulleres. -¿Pero que obxectivos concretos se persiguen? -Fundamentalmente que as mulleres non queden relegadas, como estiveron ata o día de hoxe, que teñan a mesma igualdade de dereitos e oportunidades que os homes. Para elo consideramos necesario e fundamental o feito de estar ben informadas e formadas. Tamén se facilitará o tipo de información que poidan demandar, serán canalizadas a través da rede ILMA que temos de asesoramento á muller para o emprego, tanto por contra propia como por conta allea. Quero dicir que, sinceiramente, é un servicio transversal. Desde ese punto de vista tamén quixera incidir en que, aínda que é denominado Centro de Información á Muller, o tema da transversalidade ten moitísima importancia. -¿En que sentido? -É un centro dirixido a persoas en xeral. ¿Por que? Porque o tema da muller non é un tema que afecte soamente ás mulleres ou a un determinado sector de mulleres, senón que nos afecta a todos. O tema, por exemplo, dos malos tratos, non é un tema da privacidade, do domicilio onde se dan os malos tratos, senón que é un tema no que toda a sociedade ten que tomar conciencia, temos que coñecer ben os recursos, as posibilidades para axudar a estas mulleres que poden ter problemas. Quero dicir con isto que o tema da muller non é específico dun só colectivo, senón que afecta a todos.