Medio século non é nada

Nino Álvarez CAIXA DE CORREO

BOIRO

14 dic 2019 . Actualizado a las 18:08 h.

O pasado luns, o meu camarada Estevo xa lle dedicou unhas liñas ao Bar Bocacho, que cumpriu nin máis nin menos que 50 anos de vida. Aí é nada. Ten moitísimo mérito chegar a esa idade cos tempos que corren, xa que por desgraza, cada vez son máis as lúas dos escaparates que poñen traspásase e alúgase. Ao igual co Estevo, quero facerlle a miña pequena homenaxe. Unha das primeiras cousas que se me veñen á cabeza ao pensar no Bocacho é a boleira que tiña detrás. Eu para chegar ata alí saía pola horta da casa dos meus avós, cruzaba baixo a viña das de Vimieiro e entraba ao Bocacho, tamén pola súa horta, chea de caixas, daquelas botellas gordas de Estrella Galicia cun papel que parecía típico do Nadal polo que brillaba, e na que tamén houbo un tempo no que había galiñas.

Tamén me chamou sempre a atención a súa barra, as súas banquetas e as súas mesas. Era un sitio moi acolledor, era coma unha segunda casa, xa que tanto a horta como o primeiro piso eran moitas veces o meu sitio para xogar con Vinci e con Carlos, e ca cadeliña pequena que tiñan, a Mileidy. Moito chorou a señora Isabel cando morreu… Tamén todos eles facían o camiño inverso ao que facía eu, e digo todos eles porque eran os sete irmáns os que se achegaban ata a casa dos meus avós, ás veces a comer, ás veces a tomar o doce e tamén a botar una man no que se precisara. O primeiro que deixou de facelo foi, loxicamente Juan Manuel, pero Carme e Dani seguirían indo moito tempo. Os meus avós gustaban de contarme historias dos do Bocacho. A relación familiar cos Bocacho sempre foi boa e estreita, de feito miña nai é a madriña de Dani (o mellor remeiro de tódolos tempos) e Sonia o é da miña pequerrecha.

Xa pasaron 50 anos desde que Manolo fixera unha homenaxe ao Renacemento italiano poñendo ese nome ao seu negocio, homenaxe que despois ampliaría cos nomes de algún dos seus fillos, e seguro que desde o lugar no que estea, estará orgulloso de ver como Isabelita segue a facer do seu local, un sitio de referencia na hostalaría non só de Boiro, senón de todo Barbanza, e de ver como toda a familia é unha piña na que o eixe central é o Bocacho, o lugar onde sempre vou brindar cos meus na Noiteboa e na Noitevella antes de ir cear, onde festexamos algún acontecemento familiar, onde vou os domingos a pola tapa de callos (receita da miña avoa, a señora Trina), onde vou semana tras semana a ver se Carlos conecta ben a súa máquina de selar as primitivas e me da unha alegría, e tamén, claro está, a ver como pouquiño a pouco, o Bocacho encamíñase a completar o século enteiro… Non creo que estea eu para esa festa, pero agardo que o estean as miñas fillas, que ao fin e ao cabo, tamén teñen un pouco da familia Bocacho.

Grazas por estes 50 anos, e a por outros tantos, para seguir escribindo o Decamerón deste Bocacho do renacemento boirense. Nino Álvarez. Boiro