Ricardo Ribeiro: «Todo deporte é bonito, pero a bicicleta é un modo de vida»

P. Bretal RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

CARMELA QUEIJEIRO

O domingo día 6 celebrarase unha nova edición do Día da Bici de Boiro

30 sep 2019 . Actualizado a las 12:50 h.

Ricardo Ribeiro (Boiro, 1945) é algo máis que unha autoridade cando toca falar do binomio perfecto que forman a bicicleta e o pobo de Boiro. O presidente do Club Ciclista Jealsa Barbanza, a maior entidade da zona deste deporte, analizou as claves da vindeira edición do Día da Bici, que terá lugar o vindeiro domingo.

-Que simboliza esta xa consolidada cita para Boiro?

-O Día da Bici simboliza unha xornada bonita en familia, un momento especial no calendario, tanto pola traxectoria que leva aparellada como pola cantidade de xente que se vai adaptando á cita e, por suposto, acostumando a montar. Todo deporte é bonito, pero a bicicleta tamén é un modo de vida, que inflúe moito en aspectos como a saúde.

-Con que previsións de asistencia contan para a xornada?

-Todo dependerá de como quede finalmente o tempo, pero se contamos con boas condicións meteorolóxicas, consideramos que unhas mil persoas é unha boa cifra.

-O Día da Bici supera as fronteiras da bisbarra?

-Realizar unha celebración coma esta ten unha atracción tremenda, pero non só para Boiro, senón para calquera localidade. No noso caso, o ano pasado chegou xente de Fisterra, Ferrol e Santiago. Todos confirmaban o mesmo, que esta zona é perfecta para todos os gustos, para rodar ao carón do monte ou da costa. Sen dúbida, a paisaxe que acompaña o percorrido é unha das claves desta xornada.

-Algunha novidade? Repetirán o circuíto do ano pasado?

-O circuíto practicamente será o mesmo que o do ano pasado. Sairemos dende o Concello cara Praia Xardín e Escarabote, onde faremos a primeira parada. Logo seguiremos pola avenida da Constitución para dirixirnos a Cabo de Cruz, onde teremos o segundo avituallamento no Náutico. Dende aí iremos a Exipto para regresar ao punto de partida. Estamos pendentes da próxima reunión do dispositivo de seguridade, pero como novidade barallamos engadir dúas xincanas para os máis pequenos.

-Este tipo de iniciativas logra atraer a novos rapaces ás filas da entidade deportiva?

-É unha das poucas maneiras de captar rapaces que temos, por iso contaremos con varios folletos do Jealsa Barbanza para repartir, e incluso fichas, por se alguén quere animarse a probar. Despois quedan poucos dos que comezan, pero para nós xa é un gran logro. Por outra banda, o Día da Bici é un escenario perfecto para comprender os conceptos e adquirir a experiencia de ir nun pelotón e, sobre todo, as normas de seguridade. Independentemente diso, é un día para pasalo ben e os rapaces gozan como cosacos.

-Dende hai un tempo o Jealsa Barbanza conta con grandes promesas femininas. Está a mudar algo no ciclismo?

-Para nós é un orgullo contar con tantas rapazas no club. Parece que as cousas si están a tornar a mellor para nós neste senso e que a mentalidade de moitas nais e pais, que non concibían a unha muller competindo enriba dunha bicicleta, tamén cambiou.