Inserir a pintura de Teresa González na chamada pintura neomatissiana podemos entendelo como unha relectura contemporánea do legado de H. Matisse
02 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Inserir a pintura de Teresa González na chamada pintura neomatissiana podemos entendelo como unha relectura contemporánea do legado de H. Matisse, canto á súa concepción da cor como forza autónoma, e á simplificación formal como vía expresiva. Por iso, máis que a unha simple continuidade estilística, asistimos a unha nova actitude: recuperar a liberdade cromática e a estrutura clara da composición a fin de responder ás preocupacións visuais e conceptuais do presente.
Na obra de Teresa González a cor convértese en motivo e, asemade, en forma. Non describe nin imita a realidade, senón que a constrúe. As superficies cromáticas planas, intensas e deliberadamente artificiais funcionan como campos de enerxía que organizan o espazo pictórico. A cor deixa de ser un atributo secundario do debuxo para asumir un papel estrutural: delimita áreas, crea ritmos e establece relacións de tensión ou equilibrio entre os distintos elementos da obra. Así, o cadro pasa de ser escena a ser experiencia perceptiva directa.
A xeometría é o outro piar fundamental da súa pintura. Inspirada tanto na síntese formal do posimpresionismo como nas achegas da abstracción do século XX, abandona a frialdade matemática para abrazar a forza orgánica e dinámica da calidez. Na traxectoria innovadora da nosa artista achamos liñas curvas, poligonais, e formas recortadas que actúan como unidades básicas dunha linguaxe sinxela pero profundamente expresiva. Estas formas non buscan a perfección técnica, senón a claridade compositiva e a capacidade emocional a través da repetición ordenada.
A obra de Teresa González móvese entre a abstracción xeométrica e a abstracción lírica. De aí que a relación entre cor e xeometría sexa inseparable. A forma xeométrica serve de soporte á cor, mentres que a cor redefine a percepción da forma. Un mesmo rectángulo pode parecer pesado ou lixeiro, estable ou vibrante, segundo o ton que o ocupe. Deste rico diálogo xorde unha pintura que oscila entre a figuración esencial e a abstracción, mantendo sempre unha referencia implícita ao espazo habitable e á experiencia vital. Isto é, Teresa non copia a natureza senón que a recrea como unha necesidade interior de calma e equilibrio.
Estamos, pois, diante dunha pintora que reivindica a claridade, a intensidade e o pracer visual como valores centrais da arte. Non pretende explicar o mundo, senón ofrecer unha alternativa sensorial: un espazo onde mirar e sentir, e onde a simplicidade formal devén resonancia emocional. Teresa invita a exercer a nosa ollada cromática de espectadores sensibles e vulnerábeis á beleza, en concordancia con Edgar Degas: «A arte non é o que ves, senón o que lles fas ver aos demais». Orde e emoción sen conflito.
O Abisinio e Albert Camus
Oliveira Casal
Fun ver O estranxeiro ao cine. O protagonista chámase Mersault e é ateo. Esta versión da primeira novela de Camus gustoume máis cá de Visconti. O branco e negro séntalle mellor.
O primeiro que me falou do absurdo existencial desde dentro foi Pepito Carou, coñecido en Rianxo como O Abisinio. Cando comecei a visitalo el tiña máis de noventa anos e eu andaría polos vinte. Mantiña unha distancia co mundo, coas súas regras. Era lúcido, intelixente, autodidacta, fiel a si mesmo. Foino ata o derradeiro alento. O Abisinio, tamén coma Mersault, nunca mentía.
Nacera no 1898, no baixo dunha casiña entrerrúas na que súa nai rexentaba unha tasca con intención de ultramarinos. Con dezaseis anos acabados de cumprir fuxira andando cara Carril, con aínda non quince pesos no peto para coller o primeiro tren a Pontevedra. Alí entrou ao servizo dun xastre. Fíxose republicano militante. Aos catro anos e pouco marchou cara a Bilbao.
Once meses despois xa se instalou en París. A mellor etapa da súa vida, interrompida despois dunha década, cando a República chega a España. Unha nova identidade: Madrid, a militancia na CNT. Durante o tempo que o visitei, ostentou o título de sindicado vivo máis antigo. Nunha das sabotaxes ao capital que planeara co seu grupo de acción viu a morte por segunda vez. A primeira fora cunha pedrada na fronte dun neno mariñeiro do Portiño. Tomárao por un «artista».
Fíxose lector nos meses de encerro no Hospital de San Lázaro, en Compostela. Os enfermos de tiña coma el eran albergados nunha das dúas grandes salas do primeiro andar. As mulleres na outra. A planta de arriba era un lazareto.
Un cento de páxinas manuscritas en galego non normativo, con algunhas anotacións en francés nas marxes, referencian episodios da súa biografía e da amizade con Dieste e Castelao. Ao comezo, a confidencia de Manuel Antonio: un amante posuído polo despeito sorprendera o poeta nunha corredoira de Asados e puxéralle unha navalla na gorxa…
Profundidades
MARIÑA PÉREZ REI
O extraordinario era crer na luz idealizada da inmersión. Acreditar na súa limpeza ao atravesar as fauces do espello atlántico. O extraordinario era crer, ao menos, na posibilidade da apnea de catro minutos cando a onda nos cubrise de magma e ruído e entullo. Co feitío de paíño que pasa as páxinas do mar para sobrevivir, fomos subestimando o poder do chan submarino ao furgar no cráter, ata que sucumbimos un día, lixadas as mans co ferruxe inxenuo da procura.
De cando en vez, aínda interrompe o noso pensar o azul escuro que precede o fracaso. O fume atolado que unha vez deitou o torpe dragón mar exeo contra as paredes da torre de hércules. Ou silénciannos os bidóns tóxicos que seguen a estoupar na cuberta desértica do monstro casón, varrida toda posibilidade de abeirar a porto. Aínda nos acalan as augas xélidas da anaconda terranova no seu abrazo de iceberg ao vila de pitanxo. O extraordinario era crer que a serea de punta forneira non ía engulir o vapor correo de sutil eslora mecanografada.
O mergullador nunca esclarece a inconstancia do leito do mar, por iso as liñas de versos seguen inoculando abraio nas nosas singraduras, nos nosos descensos a pulmón e, con todo, insistimos na rota pois sabemos que cada naufraxio amaga unha nova autopoética. Mayday mayday mayday.