Náufragos

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

Isla de Sálvora.
Isla de Sálvora. GISELA FERNÁNDEZ

18 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O outro día revisando o catálogo do patrimonio cultural no Barbanza atopeime uns sitios que me chamaron a atención. Ao sur da praia do Almacén de Sálvora hai dous elementos catalogados como «Enterramentos de náufragos». O primeiro non o lembro, pero moito mirei para o segundo as poucas veces que visitei a illa.

Pouco despois de saír do porto, á esquerda (ao sur), seguindo unha lingua de area que se mete por alí desde a praia, vese como unha gran mámoa cuberta de vexetación. O instinto de barbancícola fíxome pensar sempre que aquilo era un túmulo funerario e velaí. Non sei moito máis da historia que gardan, pero a chegada de corpos a Sálvora había ser frecuente.

O fenómeno, con todo, non é único da illa. Ao longo do Barbanza ou da Costa da Morte, era frecuente enterrar clandestinamente na praia os náufragos ata épocas bastante temperás. Se alguén se escandaliza, explico por que, e seguro que o entenden. Se a principios do século XX ías avisar á Garda civil da aparición dun corpo, todo eran problemas. Xa parecías ata sospeitoso. Obrigábanche a ires declarar a Noia, que de aquela, se saías de Palmeira, non era ir facer a ruta do colesterol. Así que os mortos soterrábanse baixo as dunas, unha oración rápida e a vida segue.

De cando en vez aparecen ósos no litoral que veñen deses desgrazados. Ás veces poden ser moi antigos e noutros casos non pasarán do século. Nestes días de temporal, as praias de Carnota ou de Ribeira devólvennos esa e moitas outras historias para quen as sabe ver.