Ana Lojo, escritora: Viaxe ao centro da historia de Barbanza

Christopher Rodríguez
Christopher RODRÍGUEZ LA VOZ / RIBEIRA

BARBANZA

MARCOS CREO

A autora vén de publicar «Marea morta», unha novela didáctica ambientada na comarca

28 sep 2022 . Actualizado a las 16:50 h.

A importancia de descubrir o lugar no que vivimos é algo que moitas veces pasamos por alto. Camiñamos pola nosa terra sen coñecer a meirande parte das historias que se sucederon nela ao longo dos anos. Anécdotas, conflitos, reencontros familiares... as rúas esconden estes segredos e centenares máis que se perderían se non fose pola labor de persoas como Ana Lojo (Cabo de Cruz, Boiro, 1978). A boirense vén de publicar o seu primeiro libro, Marea morta, no que narra as aventuras dunha rapaza de Edimburgo que vén a pasar o verán cos seus avós a Barbanza.

A partires desa premisa a narración vai desvelando datos socioculturais da Galicia rural, algo para o que súa autora realizou unha pormenorizada investigación de campo: «Os mitos e lendas da zona son moi importantes na novela. Entrevistei a moita xente da contorna, nun proceso que me levou bastante tempo».

Lojo mergullouse na elaboración de Marea morta hai seis anos, tralo falecemento de seu pai, co obxectivo de que certos aspectos da súa vida e da historia da comarca e, sobre todo, de Cabo de Cruz, non ficasen no esquecemento. O que nun inicio era unha escolma de datos e curiosidades da terra, rematou por ser unha narrativa de 920 páxinas para todos os públicos: «Tentei facer ameno o transcurso da historia, para que o lector, a través da narrativa, se empape de coñecementos moi valiosos acerca da nosa terra».

Aínda que nun principio a autora non tiña claro se publicar o libro, finalmente optou por lanzarse á piscina e probar sorte. Os consellos de familiares e amigos foron o principal motivo polo que Ana Lojo decidiu compartir a súa obra co mundo: «As miñas dúbidas xurdiron porque non quería desvelar cousas de máis acerca da miña casa e do pobo. Era un libro para que meus fillos coñecesen mellor a súa terra. Ademais de en Cabo de Cruz, a historia tamén transcorre no Vilar, na duna de Corrubedo ou no dolmen de Axeitos.

Para aprender

Aínda que nos últimos anos explotou a súa vea literaria, a principal ocupación de Ana Lojo é a ensinanza, mais concretamente do inglés, disciplina que imparte aos seus alumnos do CEIP Santa Baia de Boiro.

Esta faceta educativa déixase ver durante todo o relato, onde ademais de dar a coñecer aspectos culturais e curiosos da zona, tamén presenta diálogos en varias linguas: «O libro está redactado en galego, castelán e inglés. Tamén ten partes en latín. Cando a leron dende a editorial pensaron na tradución e unificación do texto, pero finalmente chegamos á conclusión que deste xeito perdería a súa esencia. Así, o galego vai chegar a sitios onde non coñecen o noso idioma».

Isto está directamente relacionado coa mestura de culturas que se aprecia ao longo da historia, un aspecto propiciado porque Ana Lojo pasou parte da súa vida vivindo no estranxeiro, algo que fixo que se decatase das semellanzas entre Galicia e outros lugares para nada próximos: «Estiven vivindo un tempo en Edimburgo e alí puiden apreciar todas as semellanzas que teñen os pobos celtas como Galicia e Escocia, algo que se ve claramente plasmado no libro».

Trala publicación da súa primeira obra, Ana Lojo ten entre mans varios proxectos literarios, entre os que se inclúen novas ideas para unha novela máis curta e unha posible continuación de Marea morta, da que xa ten escritas varias páxinas

«Foi moi gratificante que o libro rematase por saír á luz, aínda que tamén me dou moita pena rematar de escribilo. Cando estaba redactando pensaba nos meus alumnos, quería que rapaces coma eles se enganchasen e puidesen aprender do noso de forma amena, e creo que finalmente conseguiuse», pecha.

Internacional.

A pesares de que Marea morta está ambientada en Barbanza, miles de lectores de diversos lugares poderán ler esta novela, xa que terá difusión internacional. O libro vai ser publicado, ademais de en España, en países como Italia, Alemaña e Reino Unido en papel, e en Brasil, Xapón ou Arxentina, en dixital.