Unha alba para a capela

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

01 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Os motivos de que algúns monumentos sexan máis famosos ca outros non teñen só que ver co seu mérito artístico ou histórico. A importancia que se lle conceda por parte do poder, o relato que se conte, como encaixe na nosa visión previa do mundo ou hoxe en día, de xeito decisivo, o ben que saia nas fotos que compartimos nas redes sociais.

Pero un dos grandes misterios do Barbanza é, para min, a capela de Alba da igrexa de Santiago do Deán, na Pobra do Caramiñal. Ben é certo que eu son desa parroquia, pero, aínda así, despois de percorrer de leste a oeste e de norte a sur este país varias veces, aínda non dei atopado nada igual. Trátase dun retablo en pedra renacentista, cun elaborado programa iconográfico e labrado en granito local. Recentemente fixen un repaso de hemerotecas para avaliar se isto era como supuña, se tan pouca xente gabara en Galicia, en décadas pasadas, este singular monumento. Non estaba trabucado. As case únicas referencias existentes, como unha voz no deserto, eran as de don Carlos García Bayón, que foron recollidas neste mesmo xornal.

Co tempo, aprendín que o feito de ser singular e inclasificable adoita facerlle moito mal aos bens do patrimonio cultural nesta sociedade na que o coñecemento está tan parcelado. O sábado 10 de setembro, no marco das xornadas A Pobra do Caramiñal no tempo, organizadas polo Concello, a profesora Begoña Rodríguez axudaranos a descifrar a complexa simboloxía da capela e as incógnitas da súa construción. Será un paso máis para chamar a atención sobre esta xoia esquecida da nosa arte.