«A principios da década dos 2000 internet era algo moi novo e estaba de moda»
05 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.A principios da década dos 2000 internet era algo moi novo e estaba de moda. Cando a Administración descubriu esta nova tecnoloxía, deuse o típico «abrazo do oso» que aplica sobre sectores emerxentes. Pasou con internet, pasou coa gastronomía e con moitos outros. De súpeto flúen os cartos públicos por todas partes.
No caso da rede, as administracións comezaron a financiar todo tipo de proxectos dixitais e admirabámonos coa de cartos que se repetían a iniciativas moitas veces delirantes ou sen ningún tipo e base ou fondo. De aquela, un pequeno grupo de webs comezaron a incluír nos seus pés un lema: «Proxecto 100 % non subvencionado». Era unha declaración de principios fronte todas aqueles proxectos creados só por haber unha subvención. Vinte anos despois, moitos de aqueles emprendedores non subvencionados viven de proxectos de éxito. Os outros… ben, os outros cambiaron a maior parte deles de sector.
Digo isto porque na nosa comarca hai sempre a tendencia de que para todo hai que ter unha subvención. Se non hai subvención, non se fai. Tanto ten que sexa unha revista como unha festa veciñal. E moitas veces non é precisa: pódense implicar a outros axentes sociais ou atopar vías de financiamento diferenciais. Iso fortalece a sociedade civil, elimina dependencias do poder político e ensina á sociedade que non depende tanto de decisións arbitrarias ou de manexos non sempre claros.
Non convertamos a subvención nun mecanismo vicioso, senón nun instrumento que poida ser usado na súa xusta medida.