CARMELA QUEIJEIRO

24 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando no futuro repasen a nosa época nas hemerotecas non teño claro que estas amosen con claridade cal é o gran tema do Barbanza, esa discusión que supera décadas, que está na boca de todos e que interesa máis alá dos confíns ribeirenses.

Non se trata das cousas de comer, como a pesca ou o marisqueo, que evidentemente sempre están de actualidade, se non esoutro asunto do que adoramos discutir porque nos toca algunha fibra sensible e, ao tempo, non nos incomoda con (case) ninguén.

A estas alturas xa saben que falo da duna de Olveira. Non hai nada na comarca que nos faga discutir máis e ter opinións máis confrontadas. Que se cando eras novo tiña moita máis altura. Que se viñan os camións a quitar a area. Que se é de Olveira ou de Corrubedo (é de Olveira, non me miren mal), que se o parque axudou a recuperala ou a perdela.

Temos a duna metida na nosa cabeza. Cando vin hai unhas semanas a nova versión cinematográfica da mítica novela Dune, o primeiro que me veu á cabeza é que acontecería se na duna de Olveira apareceran vermes como os que se dedicaban a cazar incautos nos desertos de Arrakis.

Eu téñoa sobre todo asociada á lenda da cidade mergullada desde que unha vella en Moldes me contou o problemón de Valverde como se tivera acontecido antonte, que ela aínda se acordaba da desfeita.

Creo que nos gusta tanto a duna de Olveira porque o Barbanza e as súas xentes son en xeral son un pouco coma ela: impredecible, sedutora, ás veces demasiado intensa e cunha mala saúde de ferro.