?Dime, cal é a importancia real desta escavación en concreto?
-O monumento no que traballa o equipo do IEAE, baixo a dirección do doutor Francisco Martín Valentín e da doctora Teresa Bedman, ten grande importancia arqueolóxica, artística e histórica por ser do mesmo período da tumba tebana número 192 de Jeruef Senaa, e pertence, coma esta, ao reinado de Amen-Hotep III (Imperio Novo, cara a 1360-1353 a. C) e, máis concretamente, ao lapso de tempo transcorrido entre os anos 28 e 36 de dito soberano, que constitúe un dos momentos máis axitados e interesantes do Imperio Novo Exipcio.
-Que che gustaría aínda encontrar?
-Achamos xa momias e restos de tecidos con xeroglíficos na tumba do visir. Esperamos acabar de reconstruír as columnas da tumba de Amen-Hotep Huy, onde se cita a co-rexencia entre o faraón Amen-Hotep III e o seu fillo, o faraón Amen-Hotep IV, que anos despois sería coñecido como Aj-en-aton, ou o faraón do único deus Atón. Unhas inscricións que atopamos no 2013, agora restauradas, dan un contexto histórico e unhas datas que cambian a cronoloxía do período. Tamén hai probas de ADN e outras evidencias, que nos permiten afirmar que o pai de Tutankamón non foi Aj-en-aton, senón Amen-Hotep III. Pero gustaríame que as escavacións nos achegaran máis datos sobre este turbulento período, con monumentos inacabados e destrucións pola acción dos adeptos da nova relixión atoniana, restos que máis tarde serían obxecto dunha nova destrución selectiva, en época dos reis da XIX dinastía. O período de cinco ou seis anos durante os que o faraón Amen-Hotep IV (Aj-en-Aton) tivo a súa residencia en Tebas, antes de trasladarse a Amarna para fundar a nova cidade, segue na máis completa escuridade.