Inspiración no Antigo Exipto

La Voz

BOIRO

29 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Isolina Lorenzo Fernández é natural de Boiro (1983), onde pasou a infancia compartindo moito tempo cos avós xa que seus pais traballaban. Recorda que súa avoa materna levábaa a excursións, e fala tamén das tardes de xogos coa rapazada: Monopoly, saltar á corda, ou o patín. Sente a atracción pola historia dende o instituto. Mais xa moito antes, algunhas lecturas lévana xa a fantasiar e soñar con ese mundo fabuloso do Antigo Exipto.

Licenciada en Historia pola USC, realiza diversos cursos de formación, ademais do CAP: Xornadas Arqueolóxicas de Neixón, Iniciación ás Actividades Turísticas e Turismo Rural, Iniciación á Museoloxía, Psicopedagoxía: Atención á Diversidade, Atención ao Alumnado con Discapacidade Sensorial, Semana Internacional das Tic E-Gallaecia, ou cursos de Iniciación e Continuación de Alemán. E traballou de monitora no Centro Arqueolóxico do Barbanza.

Gran ferramenta

Recorda as películas de Indiana Jones, e ri cando afirma que a vida dun arqueólogo normal non ten moito que ver coa que se expón nelas. Considera que as de Tadeo Jones tamén son unha gran ferramenta para aproximar ao gran público a arqueoloxía e a historia pero, sobre todo, aos nenos, que serán os que no futuro deberán coidar e apreciar todo ese patrimonio dos nosos ancestros.

O Proxecto Visir Amen-Hotep Huy no que participa está patrocinado polo propio IEAE, con achegas de empresas -algunha galega­-, doazóns de amigos do proxecto, etc. Así, o Instituto faise cargo do aloxamento ou o transporte. Pero outros gastos, como o seguro, visado, etc. van a cargo de cada persoa que participa no proxecto.

Cursos de verán

Para fomentar a exiptoloxía en Galicia, o IEAE fai dende hai oito anos cursos de verán, en colaboración co Museo de Pontevedra. Tamén se imparten cursos e campamentos de verán para a rapazada, chamados Pequeológos.

A Isolina gustaríalle investigar e coñecer máis a cultura Maia, cos glifos, os monumentos funerarios, etc. «As similitudes entre exipcios e maias son evidentes». Tamén lle interesan moito as relacións comerciais polo Mediterráneo, entre tartesos, iberos, celtas e fenicios, e as influencias culturais de oriente que chegan á península Ibérica.