David Segade: De informático a promesa artística

O sonense retomou a súa formación no eido da ilustración despois de sete anos

A. G.
ribeira / la voz

Son moitos os exemplos que demostran que nunca é tarde para facer o que a un lle gusta, e moito menos se aínda non se chega á trintena de vida. David Segade Queiruga descubriu a pintura con 6 anos nas actividades extraescolares que impartían na asociación de Amas de Casa de Porto do Son e foise namorando da arte a cada trazo, ata que a vida adulta irrompeu de tal maneira que o obrigou a trocar os pinceis e o lapis polo teclado e o rato dun ordenador. «Estiven traballando case sete anos como informático, ata chegou un punto no que me preguntei se quería dedicarme toda a vida a iso ou apostar polo mundo artístico. E, por suposto, elixín a segunda opción», conta Segade. Arriscou e gañou, porque boa parte da súa obra pode verse ata finais de mes na casa da cultura sonense, onde se atopa compartindo sala con outros artistas e artesáns que xerminaron baixo a sombra desta agrupación.

Para esta pequena mostra colectiva, o creador seleccionou lenzos nos que fai alarde dun dominio técnico que vai dende os óleos aos pasteis, pasando polos lapis de cores ou o carbón. «Quería demostrar que se pode conseguir un resultado moi realista, ou incluso hiperrealista, partindo de calquera dos recursos pictóricos dos que dispoñemos os artistas», explica David Segade. Demóstrao na execución de figuras e rostros de humanos e animais, e en autorretratos que colgan das paredes entre bordados, encaixes e outras pezas feitas a man.

Pero na exposición tamén se poden atopar bodegóns costumistas e paisaxes, ao modo das escenas que plasmaron os pintores clásicos como Joaquín Sorolla ou Caravaggio, dous dos seus referentes. Non é a primeira ocasión que as súas creacións locen ante os ollos críticos dos seus veciños, pero o sonense recoñece que esta vez é a que está máis orgulloso do que ensina: «Creo que nos últimos tempos collín un nivel bastante alto».

Arte conceptual

Os anos nos que estivo afastado do eido artístico servíronlle a Segade para volver coas ideas claras e un estilo definido, que leva perfeccionando ao longo de todo un curso na Escola de Arte Pablo Picasso da Coruña, onde estuda un ciclo profesional de ilustración. Aínda que os seus cimentos eran xa firmes. «Empecei nas clases con Carmiña, que aínda segue sendo a mestra das Amas de Casa, e ela foi quen me iniciou na pintura».

Como se seguira sendo un cativo ao que lle gusta luxar as mans e a roupa xogando coas acuarelas, David Segade non é un entusiasta da ilustración dixital: «Teño varios traballos feitos co ordenador, pero non é unha disciplina que me guste demasiado. Para min é moi importante o tacto, por iso prefiro o traballo artesanal, que implique tocar a pintura».

Con todo, o sonense non desbota as novas tecnoloxías, e moito menos aquelas que precisan do debuxo como arte primario para poder desenvolverse. «Calquera produto cinematográfico, as animacións, os videoxogos... Todos necesitan o traballo dun ilustrador para dar forma aos bosquexos, que son o seu xerme», explica Segade. Aínda que admite que este é un campo moi competitivo, por calidade e tamén por cantidade, o ilustrador pensa encamiñar o seu futuro cara a coñecida coma arte conceptual. E manda un aviso a navegantes: «Non me perdades de vista, porque vou intentar mellorar cada ano para meterme de cheo neste mundo».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

David Segade: De informático a promesa artística