Alba Pego: Talento en serie por e para Internet

L. MARTÍNEZ / A. L. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

O proxecto audiovisual da ribeirense resultou gañador no festival Carballo Interplay

02 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Que Internet se está a converter nunha fonte inesgotable de novos talentos é unha cuestión que ninguén se atreve xa a poñer en dúbida. Os creadores atopan nas plataformas dixitais un escaparate excepcional para demostrar do que son capaces en forma de series web. Este tipo de formatos, producións pensadas para o seu consumo na rede, están a desenvolverse con forza nos últimos anos e xa contan con festivais de referencia como o Carballo Interplay. Non só da televisión vive o audiovisual, e iso sábeo ben Alba Pego Cores. Esta ribeirense que estuda Comunicación Audiovisual en Santiago vén de presentar unha das propostas gañadoras na quinta edición deste certame galego. Baixo o título Sígueme, esta creadora novel e outras dúas compañeiras de carreira idearon o que as voces críticas do sector bautizaron como o mellor proxecto de serie web en idioma galego.

Alba Pego, Nuria Cancela e Laura Pose contan a historia de Anabella, unha estudante de Psicoloxía á que non lle permiten rematar a carreira por presentar un traballo final crítico coa medicina tradicional. Este fío argumental levará á protagonista a traballar como limpadora nun centro terapéutico para seguir coa súa investigación de forma clandestina, o que permitiu ás creadoras abordar temas pouco presentes nos formatos convencionais. «Nunha serie web podes contar problemas sociais que ata o momento eran tabú, como en moitas ocasións o é a propia psicoloxía», afirma a ribeirense.

Con capítulos de pouca duración e aínda menos presuposto, a fazaña de gañar este galardón nunha final a catro permitirá a este grupo de rapazas plasmar unha idea que ata o de agora só existe en forma de teaser. «Ademais da satisfacción persoal, o premio proporciónanos 1.500 euros para costear os tres primeiros capítulos de Sígueme», conta Alba Pego.

Mirando ao futuro

A ribeirense dará a voz de acción a partir do mes de setembro, momento no que volverá ás aulas para afrontar o último ano de carreira. «Ao ser de distintas localidades, temos moi complicado avanzar no traballo durante o verán. Ademais, para nós é fundamental poder contar co material técnico que nos proporcionan na facultade. Sen iso, a pesar do premio, non sería posible levar a cabo o proxecto», explica. Tampouco tería nacido esta idea. A sorte do abecedario uniu a estas tres rapazas para realizar o piloto dunha serie no marco dunha materia académica. A afinidade persoal e o asesoramento dalgún dos seus profesores mantívoas unidas para sacar da aula unha idea na que todos viron un gran percorrido profesional.

A vocación audiovisual de Alba Pego naceu de maneira espontánea e foi xerminando regada polo cine, a literatura e, sobre todo, a música, outra das súas grandes paixóns: «Actualmente, estou rematando o ciclo medio de saxofón no conservatorio de Compostela e toco na Banda de Música da Pobra do Caramiñal». A ribeirense non descarta esta disciplina como unha opción profesional de futuro, pero xa apunta maneiras no eido da creación. «Aínda non teño claro o que quero facer, pero o que máis me interesa son as labores de produción e son, das que me estou a responsabilizar na serie web Sígueme», conta Pego.

Por iso, a creadora está pasando as súas vacacións estivais entre mesas de mesturas, altofalantes, micrófonos e focos de toda clase, unindo as dúas cousas que máis lle gustan: «Estou a realizar prácticas nunha empresa de espectáculos de Ribeira que traballa sobre todo en concertos e festivais de música».

Formación. Estuda Comunicación Audiovisual en Santiago e actualmente está a realizar prácticas como técnica de son nunha empresa ribeirense.

Gañadora. O premio ao mellor proxecto de serie web en galego do Carballo Interplay está dotado con 1.500 euros, que se deben investir na produción dos tres primeiros capítulos.