Milo Hortas: Táboas de surf «made in» O Son

Ten o seu local no viveiro de empresas do municipio e pretende ampliar o negocio

m. x. b.
ribeira / la voz

Esta historia comeza no ano 2001 nunha praia de Porto do Son. Un rapaz chega xunto aos seus amigos cunha táboa de surf fabricada por el mesmo. En aparencia aquela peza non daba moita confianza, pero sobre as ondas os resultados foron devastadores. Tras moita investigación e un par de táboas despois, o apañado mozo deu por rematados os seus días como artesán e decidiu dedicarse á fotografía. Pero esta fugaz idea contaxiou a un dos amigos que compartían ondas con el, Milo Hortas, que quixo continuar co proxecto frustrado.

Este padronés afincado no municipio sonense comezou aos poucos, fabricando táboas de surf para el e o seu grupo de colegas a modo de pasatempo. A base de proba e erro, foi perfeccionando a técnica ata que a súa habilidade como shaper -como se denominan os creadores de táboas artesanais- lle permitiu gañarse a vida en tempos de crise. «Cando acabei de estudar Económicas en Santiago de Compostela reducíranse moitísimo as prazas para o posto ao que eu comecei a opositar. Entón a miña parella deume a idea de ir vendendo algunhas táboas ao tempo que preparaba os exames», conta Milo Hortas.

Montou un pequeno taller no garaxe da súa casa e, pouco a pouco, a cinta métrica e a lixa fóronlle comendo terreo aos libros ata o punto de que o espazo lle quedou pequeno: «No primeiro estudio case non podía producir, porque tiña que esperar moito tempo entre cada fase do proceso de construción para que o resultado fora o idóneo». Aí foi cando descubriu o viveiro de empresas do Concello de Porto do Son que, ademais de cursos formativos, ofrece locais comerciais a pequenos empresarios da vila. «Fun con poucas esperanzas, porque normalmente son edificios de oficinas e eu necesitaba algo moi diferente», explica o artesán. Pero a boa predisposición dos responsables fixo que o que era o almacén se convertera nun taller perfectamente adaptado ás necesidades do shaper.

Abrir mercado

Na actualidade, Milo Hortas conta cunha produción de entre sete e 12 táboas ao mes, todas elas fabricadas ao gusto de cada comprador: «Teño un catálogo de modelos, pero a partir de aí pódense cambiar moitas características: a cola, o sistema de quillas, a cor, máis reforzos... Incluso me poden pedir algún modelos que non teño». O único requisito para adquirir unha táboa fabricada por Hortas é que sexa unha surfboard, é dicir, «unha peza para usar todos os días ou para poder competir».

«Estou cos trámites para construír un novo taller, que me vai permitir aumentar a produción en máis do dobre de táboas»

Coa súa chegada ao viveiro de empresas, o negocio medrou e o artesán xa pensa en trasladarse a unha nave de maior tamaño: «Estou cos trámites para construír un novo taller, que me vai permitir aumentar a produción en máis do dobre de táboas». O shaper vai contar, ademais, co apoio do que ata o de agora era un membro do seu equipo de surfeiros patrocinados, Marcos Heinrich, que actualmente se está formando nunha das empresas de surf máis grandes do mundo en Australia. «Eu voume dedicar a dar a forma e el será o encargado dos procesos de fibra e lixado», explica Hortas. Espera fabricar entre 24 e 32 táboas semanais con esta ampliación, que chegarán ás tendas especializadas de toda Galicia e tamén a outros puntos da xeografía española, como Cádiz, onde existe un puxante mercado.

A pesar deste futuro cambio de localización, Milo Hortas vai manter a empresa no municipio sonense: «Estou moi contento vivindo e traballando aquí». En parte, está mantendo o desexo da súa avoa padronesa, «que sempre quixo vivir nunha casa na praia».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Milo Hortas: Táboas de surf «made in» O Son