Unha Dorna para chuparse os dedos

Ana Lorenzo Fernández
a. lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

carmela queijeiro

A cociñeira Beatriz Sotelo, que posúe unha estrela Michelin, exerceu de xurado no concurso de tapas

22 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Para poder sobrelevar con forza oito días de festa, no programa da Dorna tamén reservaron un oco especial para a boa gastronomía, cun concurso de tapas que ten unha invitada de excepción: a cociñeira Beatriz Sotelo, premiada cunha estrela Michelin e que exerce de xurado en colaboración de varios membros da organización. A chef de Marín non é nova nestas lides, posto que o ano pasado xa visitou Ribeira para examinar o nivel dos pratos feitos polos hostaleiros.

A experiencia foi tan boa que decidiu repetir, «pero nesta ocasión quedo aquí, nada de vir de xurado e marchar como fixen a outra vez», anunciou a profesional dos fogóns, que tamén gabou a gran calidade das propostas que participaron neste concurso. «Hai que ter en conta que as tapas son unha carga a maiores nuns días de moito traballo como as festas. Por iso hai que recoñecer este esforzo que permite facer unha ruta privilexiada de tapas».

Marcha gaiteira

As que tamén estiveron de ruta toda a mañá de onte foron as agrupacións participantes no Día do Orjullo Jaiteiro, que remataron o seu recorrido cun concerto conxunto na Porta do Sol.

Tampouco faltaron os tradicionais xogos en Coroso, onde as peñas mediron as súas forzas nas distintas competicións.

O Jran Prix de Carrilanas poñerá a proba a habilidade dos participantes

A Festa da Dorna seguirá hoxe cun programa cheo de actividades do máis variado, pero que terán o seu punto álxido coa celebración do Jran Prix de Carrilanas que instalará o seu punto de saída na Costa da Mámoa (21.00 horas). Previamente, haberá tempo para participar na segunda xornada da quinta Ruta Estrelas Mijelín de Tapas, na que se darán a coñecer os gañadores desta edición.

Para animar a cita gastronómica non faltarán as actuacións dos grupos Son de Boiro, De Carajillos e Charanja Mekánika, que serán os encargados de amenizar a sesión vermú. Ademais, haberá unha nova edición do Jran Basar Arte e Ajro na Porta do Sol.

Exposición de bólidos

Pola tarde, sobre as 17.30 horas, terá lugar a exposición das carrilanas que participarán na proba deste ano. A cita será na rúa Rosalía de Castro, desde onde partirán sobre as oito da tarde cara a Costa da Mámoa. Unha vez disputada a carreira de velocidade, os participantes e o público poderán seguir a festa con dous concertos de música. O primeiro terá lugar sobre as 23.00 horas na zona peonil, onde actuará o grupo Sacha na Horta; mentres que, sobre a unha da madrugada, actuará Noite Fechada no parque García Bayón.

Previamente, neste mesmo escenario, terá lugar o temido Exame de Patróns, unha cita para integrar ás novas peñas que participan na Festa da Dorna. Os membros destes colectivos deberán superar unha serie de divertidas probas se queren conseguir o prestixioso acceso que concede a Real e Ilustre.