Odón López: «Os millóns dedicados a extinción son unha animalada, pero temos que gastalos»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Despois de 13 anos traballando na bisbarra, fala con coñecemento de causa da incidencia dos lumes na zona

08 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai máis dunha década que Odón López (Ourense, 1976) loita contra os incendios desde o distrito forestal IV, que abrangue 13 concellos das comarcas de Barbanza, Noia, A Barcala e Sar. Dende o 2014 é o máximo responsable na zona e, a pesar da súa ampla experiencia, asegura que cada ano viven o inicio da tempada con incerteza porque o lume é imprevisible.

-Hai uns días houbo en Noia unhas xornadas para preparar a nova campaña de incendios, ¿que conclusións se extraeron?

-Son sobre todo cuestións técnicas que teñen que ver coa mellora de comunicacións e protocolos. Estas xornadas son froito dun encontro de ámbito xeral no que se chegou á conclusión de que nos faltaba moito por facer para coordinar a todos os que participamos na extinción dos lumes, Administracións, Garda Civil, Policías e equipos de emerxencias, e acordouse organizar unhas reunións por distritos.

-¿Vívese con tensión a chegada do verán e os días de calor?

-As pulsacións sempre se aceleran, pero o noso principal inimigo é o aire, así que mentres non estean previstos ventos fortes sostidos do nordés sabemos que pode haber lumes, pero que somos capaces de atallalos antes de que acaden unha gran dimensión. Iso non quita que estamos alerta e os medios están preparados as 24 horas para actuar.

-Cada ano aumentan as zonas declaradas de alta actividade incendiaria, ¿faise unha vixilancia especial nestas parroquias?

-Por suposto. A parte da inversión que se fai en prevención, con axudas ás comunidades de montes e a contratación de brigadas cos concellos, increméntase a vixilancia e hai unha proximidade especial dos nosos medios con respecto a esas zonas. Sempre hai xente do distrito a entre cinco e oito minutos dos lugares de risco. Ademais, a Policía Autonómica e o exército fan tamén unha vixilancia especial.

-Ademais das parroquias de alto risco de incendio, ¿hai outros lugares preocupantes nos que tamén se está alerta pola elevada incidencia de lumes?

-Faise vixilancia, pero hai unha variabilidade estrañísima nos puntos nos que aparecen os incendios cada tempada. O ano pasado tivemos unha primavera tola en Rianxo, pero logo non houbo lumes en todo o verán. A situación cambia, e este ano temos poucos datos de por onde poden ir os tiros porque choveu moito ata hai pouco, así que intentamos estar preto de todas as zonas preocupantes e en lugares clave, como Boiro, o que nos permite chegar rápido a Rianxo e a Dodro. Por exemplo, Dodro nunca deu problemas e este ano estaos dando, así que tratamos de reforzar a presenza próxima.

-Unha crítica que se fai a miúdo é que existe unha política forestal de extinción, máis que de prevención, ¿está de acordo?

-Se o miramos en cartos gastados, a política que se fai é extintiva porque son necesarios moitos medios para garantir a seguridade da poboación e evitar que os lumes acaben afectando ás casas. O volume de cartos que se gasta é enorme e nese sentido as críticas son relativamente certas, pero traballamos 12 meses mantendo pistas e puntos de captación de auga, limpando, facendo tarefas de silvicultura... Gastamos moitos cartos en prevención. Os millóns dedicados a extinción son unha animalada, pero temos que gastalos. Non podemos limpar dous millóns de hectáreas de monte, o que podemos facer é protexer as zonas poboadas e deter aos incendiarios.

«Non me podo meter na cabeza dun incendiario»

Odón López está convencido de que as franxas de protección serán moi útiles na extinción de lumes e engade, como xa dixo a Xunta, que non hai volta atrás.

-Falaba antes da detención dos incendiarios, pero a miúdo trátase de persoas ás que se lles vai das mans unha queima.

-Non se lle pode escapar unha queima a ninguén, se hai vento non se poden facer. Esa xente nunca recibe penas de cárcere, pero esas actitudes hai que perseguilas porque son un comportamento neglixente. Nesta zona tamén collemos a uns cantos incendiarios intencionados, e outros localizáronse, pero non había probas contra eles, e aínda así pararon a súa actividade ao saber que estabamos detrás deles.

-¿Que motivacións teñen?

-Non me podo meter na cabeza dun incendiario, pero ninguén que prende lume intencionadamente gaña algo con iso, paréceme máis unha cuestión mental porque non sei que outra motivación pode haber. Ninguén gaña nada, nin vale máis a madeira, que en Galicia sobra, nin se pode cambiar o uso do chan.

-Xa que fala da madeira, nos últimos meses abundan as talas masivas para cumprir coas franxas de protección, pero esa obriga xa existía, ¿que é o que cambiou agora?

-Efectivamente, a lei do 2007 xa marcaba unhas franxas, e a do 2012 daba un par de anos para adaptarse. Ata o de agora, este tema estivo traballándose a partir de denuncias veciñais e inspeccións en localidades de elevado risco, e era o distrito o que se encargaba de todo. Coa reforma legal desde ano derívase o control das franxas de protección dos núcleos aos concellos, co cal xa non depende unicamente de nós e estase poñendo a funcionar de verdade. Víñanse tramitando 400 expedientes cada ano, pero era unha pingueira no mar porque na nosa zona temos dous mil núcleos, rodeados dun milleiro de fincas. Era imposible facer un seguimento de todo. Agora estamos poñendo a andar a normativa e non vai parar. O verán que vén estará todo listo.

-¿Quizais se tardou demasiado en informar sobre isto? Dá a impresión de que se deixou para última hora.

-O que se percibe é iso, pero antes do bum había concellos contratando empresas para identificar as fincas e limpalas. E nós levamos impartindo charlas informativas para explicar as novidades da reforma da lei desde que se aprobou, en xaneiro. Agora temos unha avalancha de peticións de información e de solicitudes de permiso de corta. A xente está concienciada porque todo o mundo viu o que pasou en Portugal o ano pasado e os nosos territorios son moi semellantes. Aquí podemos ter problemas serios se non se actúa.