Xesús Santos: Un resistente da fronte cultural galega

Foi un dos responsables de que Airiños nunca deixara de representar obras na lingua nai


ribeira / la voz

É un fillo da guerra. Medrou naquela época na que exercer de galego estaba perseguido e tocoulle ser testemuña dun rexurdir no que quixo participar activamente. Pero lonxe de elixir o bando político, Xesús Santos (Asados, 1936) decidiu loitar na fronte cultural, formando parte dunha resistencia da que aínda se conserva un brazo armado, Airiños, a compañía que el axudou a manter en pé nos peores momentos e que hoxe, cando se cumpren 85 anos do inicio da súa andaina, é o grupo de teatro máis antigo de Galicia. Agora, desde a retagarda, o rianxeiro non abandona a loita. Segue rescatando do esquecemento anacos da historia, perpetuándoos en forma de libros.

De ter nacido noutro lugar de Galicia que non fora Asados é probable que a biografía de Xesús Santos non fora a que agora ansía escribir. Ou iso pensa el. Pero alí, naquela aldea de Rianxo, tivo a fortuna de formarse cando a educación, sobre todo no rural, era máis que deficitaria. Estudou Bacharelato na academia de Xosé Bandín: «É unha persoa á que lle debemos moito, porque grazas a el un feixe de mozos da miña xeración preparámonos para seguir estudando ou conseguir postos de traballo relevantes».

Estudos en Compostela

El optou pola primeira vía, a formativa, aínda que recoñece que case bota a perder unha oportunidade que, tendo en conta o contexto histórico, non era habitual: «Despois de saír da aldea para estudar Maxisterio, o certo é que me gustaba moito a vida de Compostela e os resultados académicos non foron os desexados. Pero chegou un castigo de meus pais en forma de duros traballos para que quixera regresar e esforzarme». E foi desta segunda volta cando Xesús Santos entrou en contacto coa literatura e co galeguismo. Vendo as poesías que escribía, un compañeiro da pensión levouno ao Café Español e desde aquela converteuse nun asiduo dos faladoiros que alí tiñan lugar: «Había intercambio de opinións e falábase de literatura. Daquela publicábase moi pouco en galego, pero eu sempre aforraba para mercar aqueles dous ou tres libros que saían cada ano».

Mentres estudaba en Santiago, tivo o seu primeiro contacto con Airiños, que foi definitivo: «Sumeime no ano 1956. Tiven acceso a algúns libros que se salvaran da requisa, o que me motivou tanto que xa nunca fun quen de perder o contacto». De novo en Asados, coa compañía de teatro que alí trataba de subsistir, Xesús Santos descubriu que existía unha lingua galega, unha cultura e unha idiosincrasia: «A partir de entón dediqueime a defender o galego». Tanto foi así que na escola de Maxisterio, onde desempeñou o seu primeiro traballo como docente, era coñecido coma o mestre galeguista.

A súa vida como profesor descorreu despois por Pontevedra, Val do Dubra, Boiro e finalmente Calo, onde estivo más de dúas décadas, ata que se xubilou. Como activista cultural, a súa traxectoria sempre estivo ligada a Airiños e ao teatro en galego: «Ata os anos 60, as obras que representabamos eran de tipo costumista, pero despois decidimos darlle unha viraxe á compañía e eliximos A fiestra valdeira de Rafael Dieste».

O grupo sufriu os efectos da censura máis dura, con sancións incluídas, pero non se rendeu xamais: «O mérito de Airiños é a resistencia. Nunca demos o brazo a torcer, aínda cando se nos impedía representar seguiamos ensaiando e faciamos obras para grupos reducidos da aldea». Ramón Pimentel foi o primeiro líder desa resistencia: «Un xastre valente que nunca emigrou», sinala Santos. El axudouno: «Entre os dous aguantamos o grupo ata que a finais dos 90, cando el xa tiña preto de 80 anos, eu asumín as rendas».

Coa pluma na man

Tamén como escritor, o rianxeiro quixo defender o galego. Aínda que empezou como poeta, sendo mestre pasouse ao teatro: «Escribín un par de obras para escolares a comezos dos 80, porque non había practicamente nada en galego». Logo converteuse en rescatador do pasado da súa terra: «Coñecín a Xosé Comoxo e arrastroume para publicar varios libros de historia local». Os dous están agora a darlle forma a un novo volume vinculado á tradición musical da vila.

Como escritor, Xesús Santos tiña ata hai pouco unha espiña cravada, crear unha gran obra de teatro. Desquitouse con O viquingo converso, un relato sobre as orixes do desembarco de Catoira, levado aos escenarios pola compañía Úrsula. Agora soña con inmortalizar a súa propia historia, recoller nun libro os recordos da infancia e da mocidade, a loita á que se entregou e tamén a decepción que o embarga hoxe: «Dóeme ver o camiño que segue o galego, o pouco que se fala xa e o castelanizado que está incluso nas aldeas». El que tanto arriscou para que a lingua nai non morrera para sempre.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

Xesús Santos: Un resistente da fronte cultural galega