Adolfo Muíños: «Pasamos de deber o 60 % sobre o valor dos orzamentos a baixar ata o 9 %»

Antón parada RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Salienta a redución da débeda municipal e a capacidade para impulsar proxectos propios como grandes logros deste mandato

25 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O camiño cara o despacho do alcalde está custodiado pola ollada dunha serea guarecida baixo o lema «Denantes mortos que escravos». A cada paso escóitase o bulir dun grupo de señoras que levan encerradas máis de sete meses no salón de plenos. Na habitación contigua, o home sentado fronte a mesa só podía tratarse do rexedor rianxeiro, Adolfo Muíños (Santiago, 1966), quen salienta a redución da débeda municipal e a recuperación da capacidade para emprender proxectos locais como os piares do seu mandato.

-A pouco máis dun ano para os vindeiros comicios municipais, ¿podería facer balance dos principais logros deste mandato?

-Hai unha evolución positiva xeral do que é o Concello, traducida a un punto que considero importante, a situación económica. Non é que botemos as campás ao aire, pero hai un antes e un despois neste mandato. Se os catro anos anteriores estaban presididos por un extremo control do que se gastaba, agora hai unha dispoñibilidade de recursos económicos para materializar propostas que ían no programa e necesidades que xorden no día a día. Agora tamén temos capacidade para asumir as porcentaxes das subvencións que se conceden e incluso impulsar proxectos propios ou créditos.

-A miúdo escoitamos falar da lei Montoro e da regra de gasto, pero, ¿en que situación se atopa a débeda dos rianxeiros?

-As arcas municipais teñen un nivel de débeda baixo respecto doutros concellos e de como estaban. Nos últimos anos, pasamos de deber o 60 % sobre o valor dos orzamentos a baixar ata o 9 %. Actualmente, a débeda sitúase en torno a un 12 %, tralas inversión realizadas en centros educativos, así como o crédito brando a 10 anos ao que obriga a Deputación para financiar varias actuacións, pero que carece de intereses. Por iso nos rebelamos contra a inxustiza dun sistema que, aínda tendo ingresos, non nos deixa investilos no que de verdade importa, os veciños.

-O seu executivo destinou medio millón de euros a reformas integrais nas escolas unitarias, ¿sente que ás veces ocupan un papel que recaería na Xunta?

-Pode resultar estraño despois do anuncio da chegada de 14 millóns para a mellora do saneamento, pero botamos de menos unha maior complicidade en determinados proxectos doutras consellerías, como a educativa. Doe ver que obras que a Xunta realiza noutros concellos, as teñamos que asumir nós en Rianxo. Demandamos implicación en actuacións como a mellora da estrada AC-305 do Araño a Taragoña. Veciños dalgúns concellos contan con carril bici cando aquí se carece de beirarrúas. E por certo, nós tamén os queremos.

-¿Cre que queda marxe para seguir vendo máis ventas de chan industrial no polígono de Te e novos proxectos?

-Falta unha política de rebaixa máis agresiva do custe do chan. Os empresarios non preguntan por bonificacións, o que lles interesa é o prezo do solo industrial. Está ben que os concellos renunciemos a milleiros de euros en impostos, pero se a Xunta renuncia a eles no prezo. Falamos moitas veces de empresas que marchan a Portugal porque é moi económico, case gratis, a clave estaría nunha rebaixa de entre o 15 e 25 % sobre eses 50 a 90 euros por metro cadrado.

«Hai posibilidade de compra dun edificio que se axustaría a centro de día e residencia»

Nos últimos compases deste mandato, Adolfo Muíños sinala a situación dalgúns dos proxectos pendentes para esta recta final, como lograr o ansiado centro de día para maiores ou a aprobación do PXOM.

-¿Haberá algunha sorpresa respecto de proxectos pendentes de aquí ao final do mandato?

-Teño que salientar que foi fundamental o cambio na Deputación coa xeración do Plan Único, que permite que concellos do tamaño e magnitudes de Rianxo teñan garantido un millón de euros cada ano. Se no anterior fixemos unha renovación importante nas estradas das parroquias, agora estanse licitando numerosas actuacións en parques infantís, así como o remate de determinados edificios. Tamén estamos dedicando moitos esforzos a seguir traballando no PXOM, pois tivemos 1.300 alegacións e a entrada en vigor da nova Lei do Solo, que nos obrigou a reelaboralo. Quedan nove meses de esforzo para a súa aprobación e posterior traslado á Xunta.

-Ante o recente cambio de Política Social para colaborar no financiamento do centro de día, ¿estamos preto de acadalo?

-Hai dous piares que garantirán a viabilidade do proxecto, que son o ofrecemento da Deputación e o compromiso do Concello de Rianxo coa execución. Barallamos varias hipóteses, como a de facer un edificio novo, porque temos un terreo de 10.000 metros cadrados. Mais nos últimos meses xurdiu un novo escenario. Hai posibilidade de compra dun edificio que se axustaría a centro de día e residencia. É unha opción que coñecen e apoian os membros da corporación e a plataforma veciñal. Non demos conta dela porque estamos agardando unha reunión para plasmar por escrito as vontades.

-¿Cales son os asuntos pendentes nos que traballan agora?

-Estamos agardando por un tema importante, a renovación de todas as luminarias do municipio a través dunha subvención do IGAE. Tamén estamos embarcados no proceso de municipalización da auga, non me atrevo a falar de prazos, pero chegamos á fase na que se realizou o estudo de viabilidade. Ademais, nuns días comezaremos a traballar na primeira actuación de depuración autónoma do municipio, que terá lugar en Foxacos. Só afectará a unhas nove casas, pero abre a expectativa de seguir completando tramos de aldeas máis afastadas. É interesante de cara a planificar un escenario de saneamento integral de 5 a 7 anos.

«Falamos de que o meu ciclo era de oito anos e que remataría»

Se por algo destaca en materia de gobernabilidade o executivo municipal de Adolfo Muíños é a súa capacidade de chegar a acordos constantemente cunha oposición crítica, pero construtiva. O rexedor rianxeiro analizou esta relación e o seu futuro na política.

-Toca debuxar escenarios de cara ás futuras eleccións, ¿será vostede o cabeza de lista do BNG?

-No seu momento, falamos de que o meu ciclo era de oitos anos e que remataría. Teño a mente exclusivamente posta no traballo que me queda ata mediados do vindeiro ano.

-¿Como valora a relación mantida co resto de grupos?

-Creo que o Bloque está traballando en Rianxo dunha maneira positiva, pois tocounos funcionar dunha forma dialogada co resto dos grupos que facilitaron a gobernabilidade. Conxúganse dous elementos: a boa vontade da oposición e a actitude do BNG de buscar ese diálogo para sacar adiante proxectos. Por iso creo que, tanto á xente do equipo de goberno como a min mesmo, non nos darían reparo escenarios futuros onde o reparto de forzas fose similar ou incluso entrasen outros novos partidos.

-De resultar necesario, ¿estaría disposto a entrar nun goberno de coalición co PSOE ou coa marea de Rianxo en Común?

-Xa o manifestei na campaña anterior, estiven encantado do traballo que fixemos con Carlos Gey, neste caso do PSOE. Tivemos que gobernar no peor dos escenarios para os concellos dende que hai municipios democráticos e demos probas de que se pode falar e chegar a acordos estables. Eu traballo para que haxa unha maioría do BNG, pero non me daría medo ningún volver a barallar a entrada doutro partido que garantise a estabilidade. Todo o que poidamos resolver hoxe eliminará futuros problemas para outras corporacións.

-¿Que fará cando remate a súa etapa na política?

-No eido da política algúns queren ser profesionais, eu teño unha profesión e un posto de traballo no Concello de Santiago na área de Servizos Socioculturais. Na alcaldía sofres un tremendo desgaste no familiar e no persoal, eu non teño máis vocación política que o traballo que estamos a facer pola vila.