José Barrio: «O deporte é un elemento integrador»

a. novo / m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

O club que xestiona persegue fomentar a actividade física entre os discapacitados

29 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

En xaneiro de 1990 entraba en funcionamento, no seo de Ambar, o club Adeco-Dea, co obxectivo de promover a práctica do deporte entre as persoas con diversidade funcional da zona. Tal foi o éxito da iniciativa, que a entidade non tardou en independizarse. Á fronte dela atópase, nestes intres, José Barrio, que non dubidou en sumarse ao programa Voces da diversidade, de Radio Voz Barbanza, para dar conta das actividades que desenvolven e dos retos de futuro.

-¿Como foi cambiando o club ao longo destes case 18 anos?

-Nun principio, limitábase a pequenas actividades, pero co falecemento do anterior presidente, Manolo Parada, eu tomei as rendas e fixemos unha aposta por ampliar a oferta, que ata entón era exclusivamente de atletismo. Empezamos a meternos na natación, no tenis de mesa e, no 2005, comezamos coas actividades náuticas. Tivemos o primeiro contacto coa vela adaptada e incluso organizamos no Club Náutico de Portosín o campionato de España. Chegamos a contar cunha deportista que facía esquí e que estivo varios anos como subcampioa de España, e outro rapaz, Manuel Caramés, que facía handbike e que participou tamén en competicións a nivel estatal.

-¿Cambiaron os obxectivos da entidade co paso do tempo?

-Os obxectivos son practicamente os mesmos. Trátase de facilitarlle á xente con discapacidade o deporte, non só o de competición, tamén o de lecer, porque é importante para a saúde. Queremos que a xente coñeza as diferentes actividades e, aqueles que queiran dar o paso, apoiarémolos para que poidan acudir ás distintas competicións.

-¿Trátase entón de moito máis que dunha actividade física?

-Si, o deporte é un elemento integrador. De feito, nas actividades que nós organizamos, excepto nas de carácter competitivo, que teñen que axustarse ás normas, buscamos precisamente esa faceta. Sempre convidamos a colectivos de persoas que non teñen discapacidade algunha para que coñezan o noso labor.

-¿Como medrou a familia de Adeco-Dea?

-Por unha banda, están os socios do club, que andamos sobre os 40; e outra cousa é a xente que participa nas diferentes actividades. Na travesía a nado temos entre 60 e 80 competidores; nos torneos de tenis de mesa, medio cento; e nas xornadas náuticas superamos a barreira dos 200 cada ano.

-¿Segue a ser complicado que as persoas con diversidade funcional se animen a competir?

-Si, sobre todo co cambio da normativa, xa que cada deporte ten que afiliarse á súa federación correspondente. Antes tiñamos tódolos deportes de discapacitados nunha soa federación. Para un club pequeno é difícil, polo que nós adestramos á xente e logo buscamos contactos con outros clubs para que teñan alí a ficha, pero sempre apoiamos para desprazamentos e outros gastos. Nós estamos máis enfocados á promoción do deporte e á organización de eventos, sen estar tan condicionados ao que son as competicións oficiais.

-Fálenos dese proxecto, Un mar para todos, que é un dos puntais da entidade.

-Do que se trata é de levar a cabo máis actividades no eido da náutica. Contamos, de feito, cunha nova embarcación adaptada á que queremos darlle múltiples usos. Cremos que nos permitiría levar a cabo máis accións que a estritamente deportiva, como é potenciar a nivel turístico a nosa ría. Nas diferentes viaxes que fixen decateime de que cando as persoas que temos un problema de mobilidade elevado chegamos ás praias, as ramplas se perden no medio da area e hai dificultades para chegar á auga.

-¿Pretenden entón dar o salto ao eido turístico?

-Xa temos convenios con establecementos hostaleiros que teñen habitacións adaptadas para poñelas a disposición das persoas que queiran visitar a zona. Tamén queremos concienciar da importancia que ten a nosa contorna, polo que uns días da primavera imos dedicalos a ir coa embarcación a determinadas praias, para sensibilizar aos usuarios e á xente en xeral da importancia de manter limpa a costa. Tamén pretendemos contar cos concellos para acceder a diferentes pobos e realizar visitas, con guías que amosen as peculiaridades de cada lugar. Chegariamos por mar, na embarcación adaptada.