María José Vila: Freguesa con dedicación exclusiva

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

dani gestoso

Leva 25 anos colaborando activamente coa súa parroquia, San Isidoro de Posmarcos

06 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos tempos que corren é complicado atopar mozos que estean dispostos a dedicar o seu tempo libre a axudar aos demais, que traballen sen esperar nada a cambio, sobre todo cando esas tarefas están vinculadas coa Igrexa. Por iso, a historia de María José Vila Piñeiro non deixa de ser sorprendente. Ela empezou como catequista en San Isidoro de Posmarcos cando tiña só 15 anos, pero pouco a pouco foi mergullándose en outras tarefas e colectivos relacionados coa parroquia. Agora, 25 anos despois, afogada polo traballo como coidadora de persoas maiores, necesita un respiro. Iso si, recoñece que lle custa despedirse.

Asegura que esa dedicación coa parroquia veu dada máis por unha casualidade que polas súas crenzas a nivel relixioso: «Eu ía á misa os domingos, como tantos outros veciños, cando chegou un cura novo á parroquia, José Carlos Alonso. Pediu a colaboración dos fregueses porque carecía de catequistas suficientes e presteime voluntaria, sobre todo porque me encantaban tratar cos nenos». Logo, case sen darse conta, foi asumindo outras responsabilidades no seo da parroquia: axudar nos preparativos das misas e encargarse da axenda do sacerdote; entrar a formar parte do coro parroquial, no que estivo case dúas décadas; e sumarse a Cáritas, entidade coa que leva colaborando unha ducia de anos.

Con este currículo, calquera podería pensar que María José Vila ten unhas fondas raíces católicas, pero ela encárgase de desmentilo: «O normal de calquera veciño que empeza indo á misa cada domingo e un día decide probar como catequista. Estaba a gusto e funme involucrando cada vez máis». A pobrense engade que ao redor da Igrexa foi formando unha especie de segunda familia: «Da parroquia gústame todo, fundamentalmente traballar cos nenos e con Cáritas, pois alédame axudarlle á xente a resolver os seus problemas, sentir que lle axudas a satisfacer unha necesidade. Hai quen chega con bágoas nos ollos e marcha cun sorriso, e iso é moi fermoso».

Relevo necesario

Nun principio, María José Vila podía compaxinar o seu traballo con estas actividades no seo da parroquia, pero co paso do tempo complicóuselle a axenda: «Levo máis de sete anos coidando a persoas maiores nos seus domicilios e se a iso lle engado a catequese, só me quedan libres as tardes dos domingos». Non dubida á hora de asegurar que se sinte asfixiada: «Teño que ir deixándolle paso a xente nova, porque preciso tempo para min». Recoñece que son esas dificultades para atopar relevo as que a seguen a manter atada: «Para unha actividade puntual aínda atopas colaboradores, pero para a catequeses que é tódolos domingos ou para Cáritas é moi complicado».

Ela é unha das mellores testemuñas da crise que vén padecendo a Igrexa nos últimos tempos: «Cada vez hai menos xente nas actividades relixiosas e tamén menos nenos que acoden á catequese. A sociedade cambiou e as persoas desvincúlanse cada vez máis da relixión católica. Incluso os veciños de máis idade teñen cada vez unha maior oferta de lecer e deixan de lado a parroquia». Vila Piñeiro considera que a Igrexa non se soubo adaptar aos tempos e iso estalle a pasar factura: «Penso que non é culpa dos curas, senón daqueles que están no chanzo máis alto, que non buscan fórmulas para integrar aos veciños, para atraer aos mozos. Deberían abrir camiños para que a xente se decatara de que na parroquia pode atopar iniciativas interesantes».

Esta pobrense é o mellor exemplo de que o traballo en tarefas vinculadas á Igrexa pode resultar satisfactorio: «A min aportoume moito, sobre todo, poder transmitir principios e valores e recibir a cambio o sorriso dos nenos. Eu medrei ao lado da xente da parroquia». Convencida de que a despedida chegará pronto, amósase satisfeita do traballo realizado: «O que máis me enche e ver que aqueles nenos aos que eu preparei para a confirmación e que logo non volveron a pisar o templo, hoxe traen aos fillos para que reciban a primeira comuñón. Decátome de que non prediquei no deserto, de que aínda que eses veciños estiveron un tempo afastados, agora volven». Non sabe se o seu adeus tamén será só un ata logo: «Necesito un respiro e cando un non pode máis ten que deixar, o que pasará no futuro ninguén o sabe».