Saúl de la Peña: «A amanita faloides, o inimigo número un, non é un fungo común en Barbanza»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CEDIDA

Aconsella, antes de coller unha seta, estar seguro ao cen por cento de que é comestible

02 nov 2017 . Actualizado a las 05:10 h.

Desde hai case un lustro, cada ano por estas datas desenvólvense en Boiro unhas xornadas micolóxicas que perseguen facilitarlle aos veciños os coñecementos necesarios para saír ao monte na procura de setas aptas para o consumo. Este fin de semana terá lugar unha nova edición dun ciclo composto por unha conferencia e unha xornada práctica con recollida de fungos, limpeza e mesmo preparación e posterior degustación. Á fronte da expedición volverá a situarse Saúl de la Peña, un profesor e investigador da Universidade de Santiago de Compostela que é todo un especialista no eido da micoloxía. Ven, de feito, de publicar un libro sobre as especies principais da illa de Cortegada.

-¿Cal é o primeiro paso que deben dar aquelas persoas que nunca recolleron setas?

-O máis importante é empezar por coñecer as formas; debaixo do sombreiro dos fungos, por exemplo, hai agullas, láminas, esponxas ou pregues. Esas son características fundamentais á hora de diferenciar as especies comestibles das que non o son. Hai que aprender tamén a determinar olores, sabores e cores. Tamén hai que aprender a buscar as setas pola forma de desenvolvemento que teñen. Unha das máis frecuentes é en corro e se non o sabemos, probablemente colleremos unha e pisaremos vinte.

-Este ano, polas condicións meteorolóxicas, ¿está sendo bo?

-Está sendo un ano moi malo debido á seca. Antes había ao longo de 11 meses especies comestibles e, debido ao cambio climático, agora concéntranse en momentos moi concretos. Hai 15 días, debido á chuvia, houbo unha floración importante, pero despois regresou a seca extrema e agora case non hai exemplares.

-¿Aínda pode reverterse esa situación?

-Para que as setas frutifiquen teñen que darse unha serie de condicións. A fundamental é que chova, pero se xusto despois ven vento forte, os fungos non chegan a saír. Pola contra, se hai unha humidade elevada e non se rexistra vento, os exemplares poden saír en tres días.

-¿Cales son as especies comestibles máis comúns en Barbanza?

-Hai bastantes especies en toda a zona. O importante é que hai unha diferenza de altitude importante. Na zona do Iroite hai exemplares comestibles xa a finais do verán e na franxa máis próxima ao mar, nos piñeirais, hai tamén fungos ao longo de varios meses. Níscalos, boletos do grupo edulis, anguías de monte a cantarelas son as variedades máis importantes nesta comarca.

-¿Con que especies tóxicas se poden atopar os barbanceses?

-Especies mortais non son frecuentes nesta comarca. A amanita faloides, que é o inimigo número un, non é abundante en Barbanza, pero si nas zonas do interior de Galicia. Si hai que ter coidado coa amanita panterina. Hai que partir da base de que antes de coller unha seta para o consumo hai que estar seguro ao cen por cento de que é comestible. Hai que tomar precaucións sempre, porque te podes xogar o físico. Sempre digo que é fundamental asistir a unha conferencia de iniciación, porque nelas ofrecemos información que nin sequera aparece nos libros de micoloxía. Debido ao cambio climático están aparecendo especies que non eran frecuentes.

-¿Tamén en Barbanza hai novas especies?

-Si, están desaparecendo unhas e aparecendo outras, pero tamén o comportamento de moitos exemplares está sendo estraño. Hai un par de semanas asomaron fungos que habitualmente non aparecían ata xaneiro ou febreiro. Incluso se aprecia un cambio no tamaño de determinadas setas, por iso a xente non debe fiarse das características consideradas tipo.

-¿Que precaucións hai que tomar para non causar estragos no monte?

-É fundamental empregar unha cesta para a recollida, xa que axuda a espallar as esporas polo monte. Pola contra, non deben empregarse ferramentas como rastros, que arrasan con todo. Tampouco se debe abusar dos fungos á hora de consumilos, xa que acumulan bastantes metais pesados. Eu sempre aconsello conxelar ou secar. E sempre, diante dunha especie que nunca se consumiu, hai que probar unha pequena cantidade para ver se provoca algunha reacción.

-¿Cal é a zona de Galicia máis rica en setas?

-En xeral, toda Galicia é rica en setas, sobre todo aquelas zonas poboadas de bosques autóctonos e piñeirais, tanto de costa como de interior. Houbo un tempo no que Galicia estaba considerada o paraíso micolóxico, pero agora hai outros lugares do norte de España que se están vendo máis beneficiados polo cambio climático de cara á proliferación de fungos, coma o País Vasco.