Santamaría impulsa interesantes iniciativas para motivar o públicoSuso Santamaría Promotor cultural
29 sep 2017 . Actualizado a las 11:04 h.Suso Santamaría é unha persoa nobre e desinteresada. Falador e reflexivo. Chámanlle o «home das estatuas». A sala Pousada das Ánimas, en Boiro, está flanqueada por dúas impresionantes estatuas de bronce en homenaxe a dous grandísimos artistas deste país, Xavier Krahe e Fran Narf.
-Por que estes dous artistas para dedicarlles esta homenaxe?
-Ademais de ter a sorte de poder contalos entre as miñas amizades, os dous tiñan un mesmo fin, que era mellorar o mundo a través da súa arte, sen grandes discursos, mostrando que as cousas importantes conséguense pelexando todos os días. As estatuas están aí para pór en valor o seu traballo e poder inspirar outros futuros artistas no camiño que eles trazaron: crear ilusión, empatía, menos machismo, menos racismo, menos muros e máis apertura. Porque a arte alimenta a nosa sensibilidade e con iso só veñen cousas positivas.
-Defínete nun par de palabras.
-Máis que definirme, penso que o máis importante é coñecerse a un mesmo, porque ao final serán os teus actos os que te definan. Iso si, peléxoo todo ata o final, para ben ou para mal, e logo sigo o meu camiño disposto a volver a empezar. A vida é iso: un camiño interminable e non sempre en liña recta.
-En que momento decides dar o paso para desenvolverte como promotor cultural e cal foi o desencadeante desta decisión?
-Ao meu ver, non houbo un desencadeante, senón unha sucesión de actos ao longo de varios anos: os amenceres latinos, a Festa Cubana, os festivais de salsa, de jazz, de contos, de rock, de poesía... Supoño que me alimento de retos, de trasladar todo o que vivín á miña comarca.
-Unha interesante iniciativa trouxo ata a comarca os Vermuts Musicais na época estival. Poderías contarnos, polo miúdo, en que consiste este proxecto e cal vai ser, ao teu ver, o seu futuro próximo?
-Os Vermuts Musicais xurdiron de forma natural, a base de programar na Pousada, que é para min como un laboratorio. Hai que estar pensando continuamente na maneira de motivar o público. Así que, pensando no futuro, tirei de lembranzas, daquelas «sesións-vermut» de cando era neno, na Frama ou na Golden Fish, despois da misa. Pensei que se o público non vén á Pousada, pois iríamos alí onde estea o público, nun horario onde todo o mundo puidese participar. Ver familias enteiras disfrutar da música, seguir creando ese hábito de consumo de cultura, axuda tamén a posicionar a comarca como un destino turístico atractivo, non só pola gastronomía, pola paisaxe ou os monumentos, senón tamén por algo vivo e sempre actual. E o futuro deste proxecto está en sabermos consolidalo e melloralo, en garantir a súa continuidade no tempo.
-Os inicios deste proxecto cultural trouxéronche máis penuria económica que gloria. A falta de axudas e apoio económico por parte das institucións provocáronche múltiples quebracabezas, pero lonxe de afastarte das túas ideas innovadoras e, eu diría, revolucionarias, supuxeron un forte revulsivo para a túa intención de achegar a música á rúa, á xente, aos nenos. Cal foi para ti o proxecto máis emotivo ata o de agora?
-O proxecto máis emotivo sempre será o que está por vir. Eu ilusiónome moito con todos os que emprendo, pero unha vez rematado, xa estou a pensar no seguinte.
-Qué estás a programar neste intre, cal é o teu novo proxecto?
-Pola miña cabeza sempre pululan moitos proxectos que conviven e se solapan. Agora mesmo, facer unha residencia de artistas no Barbanza sería un proxecto moi interesante, pero as ideas teñen vida propia, teñen que esperar o seu momento e que as condicións sexan favorables.
-Que personaxe de todos os que pasaron pola Pousada lembras con máis agarimo?
-Quico Cadaval é para min unha das persoas máis interesantes que tiven a sorte de coñecer e poder ver actuar na Pousada. Só unhas palabras con el (se che deixa falar) e xa te das conta de que te atopas diante dunha mente privilexiada. Gústame moito como dende o coñecemento, o estudo, chega ao humor, se ri de todo e nos fai rir con todo o que toca e di. Outro dos artistas que personifica os valores que admiro é Diego García Rodríguez, que loitou, loita e loitará por vivir a súa paixón pola música, deixando atrás amigos e familia, crendo sen dobreces en si mesmo. Estas son as persoas importantes para min, as que pelexan dende un principio para sacaren adiante os seus proxectos, os seus ideais, e influíren positivamente nunha sociedade moi necesitada de valores, coma o compromiso, a tenacidade e o sacrificio para levarmos a bo porto todo aquilo que soñamos.
-Parabéns, Susiño, que sorte tes carallán! Que ben vives…
El contesta cunha sorte de sorriso, non exento de ironía, pero eu vexo a resposta no fondo dos seus ollos mansos.
-Sorte?, si, claro, debe ser iso, campión …
Leer más: Rebelde con causa e tamén sen causa