Rebelde con causa e tamén sen causa

La Voz

BARBANZA

29 sep 2017 . Actualizado a las 10:39 h.

Suso Santamaría naceu entre fogóns e aleitouse no teto da hostalería. Amasou os miolos da súa infancia no seo dunha férrea familia de lonxa traxectoria hostaleira, na que medrou como empresario a golpe de sopapos de man de millo e madrugadas de olor a café con caña.

Rebelde con causa e tamén sen causa. Traballou como camareiro, cociñeiro e profesor de baile. Puxo en marcha a primeira Asociación de Hostalaría do Barbanza e arrancou con varios negocios de hostalaría dentro e fóra da nosa comarca.

Pola súa sala pasaron multitude de artistas, persoas relevantes coma Luís Tosar, Iván Ferreiro, Gran Wyoming, Xoel López, Andrés Suárez, De Pedro, Barahúnda ou Carlos Blanco, máis de 2.400 actuacións en 24 anos de vida da Pousada...

Despois dunha longa traxectoria como empresario de hostalería, centra a súa vida na promoción cultural. Música, teatro, pintura, literatura, todas as artes teñen cabida no cálido escenario da Pousada das Ánimas, a súa sala. Tanto que foi o promotor dunha idea sorprendente e novidosa como é a gala de premios Pousadiños que xa vai pola cuarta edición, uns premios que ademais de recoñeceren a traxectoria dos artistas, veñen dotados cunha significativa achega económica.

Man tendida

Suso Santamaría téndelle a man a todos, o que lle repercutiu nun meritorio recoñecemento a través de premios tan importantes como o Dolmen de Ouro 2016 á iniciativa empresarial, e o galardón Organistrum dos Premios Martín Códax da Música 2017 para a Pousada das Ánimas, como a mellor sala de música de Galicia.

Pero o mellor premio que recibe é o respecto e admiración total por parte de achegados, amigos e familiares e dese grupo de persoas que forman o núcleo duro da Pousada, dos que sempre se lembra á hora dos recoñecementos. Loa sempre o tesón dos seus pais por darlle a mellor educación, por sacrificarse e conseguir que tanto el coma os seus irmáns puidesen afrontar a vida sen límites, coa crenza de que querer é poder, pois non hai mellor herdanza que a de poder crer nun mesmo.

Pese a todo, sempre hai quen ignora os seus esforzos ou ben lle dá unha palmadiña para felicitalo pola súa excelente traxectoria.