José Moreiras Pardiñas: Tres décadas buscando a vaca ideal

xoán R. alvite MAZARICOS / CORRESPONSAL

BARBANZA

alvite

Asegura que a ubre e as patas son as partes máis valoradas nunha produtora de leite

07 ago 2017 . Actualizado a las 20:27 h.

Leva máis de media vida metido entre vacas de leite. Sempre dende Africor-Coruña, a Asociación de Criadores de Frisón para o Control Oficial de Rendementos, comunmente coñecida como Control Leiteiro, onde vai preto de cumprir os 25 anos exercendo o cargo de director técnico. Tempo o suficientemente longo como para converterse nun dos principais coñecedores da realidade láctea da Galicia na que segue a ser un actor principal, aportando o seu traballo no eido da formación e da mellora xenética da cabana gandeira. Aspectos estes dous que, precisamente, se xuntaron na vixésimo segunda edición da Escola de Xuíces Gandeiros, organizada pola Federación Frisona Galega (Fefriga), e coordinada polo propio José Moreira. Unha iniciativa moi esperada dentro do sector dado que, por distintas razóns, levaba case unha década sen celebrarse.

«Dende o punto de vista persoal, teño que recoñecer que esta actividade foi altamente enriquecedora e, neste sentido, teño que agradecer aos distintos africores, as granxas participantes, e a propia Consellería do Medio Rural todo o apoio que me prestaron para que todo saíse ben. Só espero que os alumnos que asistiron a aproveitaran ao máximo», recoñece este profesional que, coa excelente didáctica que o caracteriza, tenta explicar en que consiste, a nivel xeral, unha escola de xuíces gandeiros.

«Trátase dunha actividade formativa na que se intenta transmitir ao alumno asistente cal sería a morfoloxía ideal para unha vaca produtora de leite. Desde a ubre, a parte máis importante do animal e que representa o 40 % da valoración total, ata o costelar, pasando polas patas ou pola forma do pescozo. Valórase absolutamente todo», explica. Ao mesto tempo, recoñece que a espectacular modernización que sufriu o sector lácteo nos últimos anos fixo incluso que, co paso dos anos, cambiase o prototipo do que debe ser a «vaca ideal» que buscan conseguir a maioría das granxas. «Antes valorábanse unhas cousas e agora outras totalmente distintas. Por exemplo, antes queríanse vacas moi grandes, con moita capacidade para inxerir alimento e agora míranse máis outros aspectos como a ubre ou as patas. Factores que incidan positivamente na produción do animal pero tamén na súa lonxevidade», engade.

Unha parte práctica

Neste sentido, os 85 alumnos que participaron na escola de xuíces gandeiros, procedentes das principais comarcas leiteiras de Galicia e incluso doutras rexións produtoras como Cataluña ou o centro de Portugal, tiveron a ocasión de visitar e valorar o gando de varias explotacións punteiras de Lugo, A Coruña e Pontevedra. Nelas, despois das explicacións do xuíz, procedían a cualificar morfoloxicamente aos distintos animais explicando os que, ao seu entender, eran os seus puntos fortes e as carencias máis significativas.

«Esta é unha actividade moi práctica que, habitualmente, lle gusta moito aos gandeiros, porque existe un contacto constante e directo cos animais. De todos xeitos, tan importante como é o feito de aprender sobre morfoloxía frisona creo que é a convivencia de todos os gandeiros durante a semana que dura a escola», apunta José Moreira. O director técnico de Africor-Coruña sinala que a relación a nivel social que se establece entre os profesionais procedentes de distintas zonas con sistemas de producións diferentes resulta moi enriquecedora para todos os participantes.

Como o é tamén todo o vinculado á Semana Gandeira que se celebra en Mazaricos, na que Moreira Pardiñas, como responsable de Africor-Coruña, figura como co-organizador. Explica con respecto a esta iniciativa, para a cal xa se traballa na súa preparación. «Este ano terá lugar entre o 27 de novembro e o 3 de decembro, e haberá novidades importantes con respecto a edicións anteriores, encamiñadas a que as actividades sexan aínda máis didácticas e prácticas para os gandeiros da zona», recoñece o especialista.