¿Onde van?

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

30 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos últimos anos teño certo gusto por ler memorias de políticos ou persoeiros da vida pública. Pásoo pipa cos axustes de contas encubertos, as ocultacións de aspectos turbios das súas vidas, a exculpación dos erros e a glorificación dos fallos. Hai algúns veráns, moito gocei na praia de Carragueiros lendo en paralelo as memorias do que fora poderoso conselleiro de Cultura de Fraga e inventor do Xacobeo, Vázquez Portomeñe, e as do combativo xornalista da extinta A Nosa Terra Alfonso Eiré. Malia ser os dous da comarca chantadina, difícil atopar retóricas e visións do mundo tan distintas.

Agora estou metido co último libro dun diplomático xa retirado, Inocencio Arias. Lembrarano polo seu madridismo e a paxariña. Titúlase o libro do que lles falo Yo siempre creí que los diplomáticos eran unos mamones e ese título xa vai marcando o ton da publicación, que vén sendo como quedar co autor unha noite a cear, sacar un bo par de botellas de Ribera e deixalo falar.

Unha das cousas que di Arias Navarro no seu libro é ben certa. Cando el fala de que vai «a provincias» a dar unha conferencia, di que sempre se encontra cun universo de cabezas canosas no público.

E eu non podo estar máis de acordo. Temos un problema para atraer a público de menos de 30 anos de idade a eventos culturais. Moita xente autoincúlpase: «Será que os aburrimos», «non falamos a súa linguaxe». Pero cando eu estaba na universidade, hai non tanto, participei en ben de eventos para maiores sen maior problema.

O problema está nun fondo cambio cultural. E ás veces non nos atrevemos nin a formulalo.