O obxectivo, os 1.000 participantes

s. gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Dende a organización soñan con superar a cifra de asistentes do ano pasado, aínda que recoñecen que se trata dun reto difícil

14 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Un millar, esa é a cifra que sobrevoa a mente das persoas encargadas de organizar o Día da Bicicleta, que chegará este domingo a Boiro se o mal tempo non o impide. Todos soñan con alcanzar ese máxico número, aínda que son conscientes de que non será sinxelo. «É o que desexamos, pero sabemos que é case imposible, só se queda un día espectacular poderemos chegar», asegurou o membro do departamento de Deportes de Boiro Geno Rodríguez, que si confía en manter as 800 persoas da pasada edición.

O rexedor boirense, Juan José Dieste, é outra das persoas que cren na posibilidade de chegar aos 1.000 inscritos, aínda que non é a súa obsesión: «O importante é que participe a maior xente posible. Canta máis mellor, pero será un éxito de todas formas, é unha actividade moi importante para todos».

Inscrición aberta

Ao mediodía de onte xa había preto de 400 persoas inscritas e aquelas que queiran formar parte teñen ata as 12.00 horas de hoxe. O procedemento é moi sinxelo, acudir ao departamento de Deportes, que se atopa na casa da cultura, e dar os seguintes datos: nome, apelidos, número de DNI e idade. Aquelas persoas que non se poidan desprazar teñen dispoñible o correo electrónico deportes@boiro.org.

O propio Rodríguez asegurou que todo apunta a que finalmente non será necesario cambiar de día a marcha, xa que as previsións de que choverá concéntrase a primeira hora da mañá, arredor das 7.00 horas. Sen embargo, os organizadores tomarán hoxe ao mediodía unha decisión definitiva sobre este tema.

Os horarios da marcha serán os seguintes. Ás 10.30 tódolos participantes deberán concentrarse na praza de Galicia, mentres que ás 11.00 arrancará esta festa deportiva, que pasará por Escarabote, Abanqueiro e Cabo de Cruz.

O Día da Bicicleta está organizado polo departamento de Deportes do Concello de Boiro, que conta ca colaboración de La Voz de Galicia, RadioVoz, Chicolino, Jealsa e Bici Daniel Ríos.