Goiáns

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

14 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

OBarbanza é terra de pazos. Con eles sempre hai unha dobre sensación. Son motivo de orgullo local pero case todos non son visitables ao pertenceren a mans privadas. En Taboada (Lugo) hai unha ruta dos pazos que eu chamo a ruta das tapias, porque é o único que se ve cando decides facela. Muros de pedra e portas pechadas, e ao fondo asomando un descomunal tellado. Pero tamén é certo que cando os pazos pasan a mans públicas perden moito da súa esencia. As necesarias reformas que lles fan as Administracións: madeira, metal, vidro, converten os edificios en monumentos fríos sen a esencia familiar para a que foron feitos. Moi poucos pazos en mans públicas consérvana, coma o pazo de Tor, en Monforte, que aínda parece que ten á súa fidalga na solaina tomando o sol.

O pazo de Goiáns precisa dunha gran visión: mentres non a teña, mentres non haxa un gran discurso para ese monumento, non se conseguiran os cartos nin o proxecto terá realmente futuro. O difícil, co noso litoral cheo hoteis, centros de interpretación e todo que se pode ter, é darlle un sentido a ese lugar, un sentido humano e non arquitectónico. Se cadra debamos ser máis flexibles e pensar fóra da caixa. Se cadra un proceso participativo, realmente aberto, aos veciños, daría conta dunha nova vida para o pazo. Se cadra non haxa que pensar no turismo, senón na comunidade. Son ideas. Ideas que leva o vento. Coma os propios tellados e historias da vella casa de Goiáns, que segue vendo pasar o tempo sen que ninguén faga nada máis que falar e falar.