Eureka

José Rodríguez Cabeza DENDE FÓRA

BARBANZA

Se hai algún partido político, con ou sen sigla salientable, ou algún outro tipo de agrupación electoral que se presentasen para ser alcaldes, concelleiros, deputados, senadores e demais choios dos tantos que sobran neste país do esquilmo que non tivesen financiado as súas campañas con achegas externas, que mo digan para poñelo en coñecemento de Francisco que os beatificará por decreto papal de urxencia. ¡Pero se iso ata o sabe Pepe Fuche e veuse considerando normal entre a cidadanía en tanto que dende a morte de Franco ninguén abordou esta cuestión, que tamén cómpre arranxar para evitar tantos impúdicos latrocinios que a cotío afloran!. 

Porque introducir este elemento nas negociacións para conformar un goberno en España non deixa de ser unha indecencia que amosa o fariseísmo da nosa cada vez máis caste, cando do que se trata é de valorar os contidos das distintas propostas que se poden poñer enriba da mesa de negociación e, unha vez mesturadas, buscar un candidato axeitado e de confianza para executalas, que ese é, realmente, o escollo que se está dilucidando. 

¿Rajoy, por ser o PP o máis votado? ¿Sánchez que, desoíndo o meu consello, vai deixar ao PSOE como na Pobra do Caramiñal?. ¿Iglesias, que tanto pode disfrazarse de puritano con esmoquin como dun descamisado peronista? Se temos en conta que, por unha banda case ninguén quere repetición electoral e, por outra, que calquera dos tres sinalados está nunha postura descaradamente fachendosa, ¿por que non escoller a terceira vía? ¡Eureka, a de Albert!. Ata o de agora é o que está amosando máis sentidiño.