«Aquí hai setas para meterse en problemas dabondo»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Pide precaución á hora de identificar as especies e alerta sobre a existencia de moitos cogomelos tóxicos en Barbanza

07 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Este fin de semana desenvolverase en Ribeira unha nova edición, a número nove, das Xornadas Micolóxicas, un conxunto de actividades que lle brindarán aos veciños a posibilidade de coñecer as especies máis comúns da zona, recollelas e incluso degustalas. Pero os afeccionados á recolección de setas levan xa unhas semanas percorrendo os montes na procura dos mellores exemplares. O presidente de Refungando, Jesús Parada, é un deles.

-¿Como está a resultar a campaña deste ano?

-Ata o de agora, pinta espectacular, pois houbo chuvia de abondo e as temperaturas tardaron en caer, pero aquí non hai fórmulas exactas. Cada fungo é un mundo en canto ás condicións que precisa para frutificar.

-Pero, ¿como foi o arranque da campaña micolóxica nos montes de Barbanza?

-Aínda que ningunha está a destacar demasiado, en xeral hai cantidade de especies. No interior, a cousa está moito mellor. É un bo momento para atopar setas raras e para aprender, porque aínda non se recolleron cantidades importantes, agás o cogomelo rei, que non nos abandonou desde a primavera, a Cantharellus cibarius.

-¿Cales son as especies máis habituais desta zona?

-Entre as máis buscadas están o mentado Cantharellus cibarius e algúns primos como os lutescens ou os tuabaeformis; así coma os Lactarius quieticolor (a xente confúndeo co Lactarius deliciosus, pero é de menor calidade), Beletus edulis, Macrolepiota proceera, Marasmius oreades, Agaricus campestris...

-¿Cales son as mellores zonas para ir en busca de setas?

-That?s the question, ¿non si? Dado que os cogomelos medran nun lugar acorde ás súas necesidades, o lugar a visitar vai depender sempre da especie que busquemos. Por exemplo, a Lactarius deliciosus vive pegada aos piñeiros. Logo, se queremos níscalos, debemos localizar un bo piñeiral. Pero, se o que nos apetece son uns bos champiñóns ou Macrolepiotas, debemos camiñar cara as pradeiras; aínda que no caso dun dos mellores da especie, Agaricus augustus, debemos tratar de atopar un bosque de coníferas. Logo inflúen tamén as distintas necesidades de temperatura e humidade. Hai cogomelos máis termófilos, outros gustan máis do frío...

-¿Hai en Barbanza especies velenosas? ¿Cales son as máis comúns?

-Por suposto que hai, comezando pola tristemente fermosa Amanita phalloides, responsable da maioría de falecementos por consumo de cogomelos tóxicos, pasando pola Amanita verna ou a pantherina. A isto hai que sumarlle unha interminable lista de cogomelos con distintos graos de toxicidade, que abarcan xéneros tan demandado coma o Agaricus ou a Macrolepiota. Coidado coas identificacións pouco exhaustivas e a ollo. Por aquí hai setas para meterse en problemas dabondo.

-¿Están a ter demanda os Luns Micolóxicos?

-Si, sempre se achega alguén a consultar dúbidas. Tivemos algún exemplar difícil de ver, coma uns bos Boletus regius e unha preciosa Ramaria botrytis.

jesús parada presidente de refungando