O arpista que se fixo a si mesmo

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Chegou ao máis alto sendo autodidacta e a perda dun dedo obrigouno agora a empezar de cero

02 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

É impensable falar da música tradicional galega sen mirar cara a vila de Noia e botarlle unha ollada á intensa traxectoria de Rodrigo Romaní. O seu currículo é dos que provocan vertixe, tanto no que se refire aos grandes escenarios que pisou como no relativo ao esforzo que fixo e segue a facer para garantir o futuro do folk. Nunha liña e na outra, el aposta decididamente pola formación, aínda que constitúe un claro exemplo de que o músico nace.

Rodrigo Romaní chegou ao máis alto da música galega sen pisar un conservatorio. Deu os seus primeiros pasos, alentado polo furor que causaba na época o estilo sudamericano, cando era un adolescente. Foi daquela cando un amigo do instituto, o poeta xa falecido Félix Vergara Vilariño, o convenceu para que lle puxera música aos seus versos: «Aí convertinme nun cantautor».

Corrían os anos setenta, e o noiés viuse mergullado no movemento que estaba de moda na época: a canción protesta. Foi entón cando entrou en contacto con Antón Seoane e o cuarteto de gaitas Faíscas do Xiabre. Desta unión xurdiría a banda folk por excelencia de Galicia, Milladoiro. Daquela, Romaní seguía sendo autodidacta e tocaba a guitarra pero, consciente de que o grupo precisaba algo máis, non dubidou en meterse de cheo no manexo da arpa.

Con dous traballos discográficos de Milladoiro no mercado é cando o artista de Barbanza decide recorrer á formación regrada. Acode a Madrid para estudar arpa clásica. O grupo folk estaba despuntando e el quería mellorar a técnica: «Eu estou convencido de que o músico nace, pero se non se fai, queda en nada. Cando se traballa con outra xente hai que estar á altura, saber desenvolverse».

Dobre camiño

Romaní recoñece que, da man de Milladoiro, saboreou o éxito con maiúsculas: «Este grupo abriume as portas a nivel nacional e internacional». Pero, como case todos os grandes artistas, o noiés quería voar en solitario, camiñar por outras sendas. Recén iniciado o século XXI, deixa a banda para, por un lado, mergullarse no mundo do ensino: «Montamos en Vigo a escola municipal de folk E-Trad, un centro de referencia, xa que ata entón non había nada igual». Deste centro sairía SonDeSeu, a primeira orquestra de música tradicional de Galicia.

Por outra banda, na súa carreira en solitario, o noiés chega a lanzar tres cedés e a facer múltiples colaboracións. Incluso se estrea no eido da produción con discos de Susana Seivane e de Treixadura. Romaní completa o seu día a día compoñendo.

Amputación dun dedo

Pero, hai un ano, un accidente doméstico que lle provoca a amputación do dedo anular obrígao a frear en seco. Para remontar o voo, vese obrigado a facerse outra vez a si mesmo, a inventar unha nova técnica para tocar a arpa, substituíndo a falanxe que lle falta polo maimiño: «Con 57 anos, empezar de cero non é doado».

Pero Rodrigo Romaní volveu sumar un novo éxito. Os seus veciños de Noia xa tiveron ocasión de volver a gozar da súa arte en agosto, no festival de arpa que el mesmo organizou. Agora, ve pasar as horas compoñendo pezas para a orquestra SonDeSeu, dirixindo a escola E-Trad e preparando obras que espera que nun futuro cristalicen en novos discos.

Iso si, recoñece que unha sombra planea sobre todos estes proxectos: «A industria musical, exceptuando catro ou cinco orquestras de verbena, está desfeita». Fai extensible esta apreciación a todo o eido da cultura: «É un sector desarticulado en Galicia, onde ningún artista pode sacar uns ingresos dignos co seu traballo».

Aínda así, Rodrigo Romaní está decidido a seguir loitando para garantir o futuro da música tradicional galega.

rodrigo romaní músico