Adolfo Muíños guiou a nacionalistas de toda Galicia pola pegada do escritor
12 ene 2014 . Actualizado a las 07:00 h.O sol aliouse onte co BNG para que o roteiro cultural deseñado co fin de lembrar a Castelao no aniversario do seu pasamento fose, se cabe, un pouco máis fermoso. Os ingredientes importantes puxéronos o rexedor local, Adolfo Muíños, que exerceu de guía, e un grupo de colaboradores que, mediante a literatura e a música, achegaron o grao cultural a unha montaña de morriña polo autor de Sempre en Galiza.
Os que onte se deron cita en Rianxo, entre os que se atopaba o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, deixaron claro que, hoxe máis que nunca, o ideario de Castelao segue tendo actualidade. Pero, aínda que salpicado de cuestións políticas, este quería ser un roteiro cultural. Arrancou ás portas da casa consistorial, onde se lembrou a faceta de alcalde que nos anos 1909 e 19010 desempeñou o pai do homenaxeado, Mariano Rodríguez. Seguiu polo Cuartel Vello, un edificio construído a comezos da década dos setenta con fins formativos. Alí, un veterano do movemento nacionalista local, Tobías Betanzos, alzou a voz para ler un texto de Castelao sobre os ataques que sufriu o galego en eidos como a educación ou a xustiza.
En vez de camiñar cara a que se coñece como a casa do ilustre escritor, Muíños guiou aos asistentes ata unha vivenda na que residiu un lustro e onde exerceu a medicina. O alcalde quixo así amosar outra faceta do galeguista: «É un inmoble que haberá que incorporar ao futuro roteiro de Castelao», sinalou. Coa casa de pedra como pano de fondo, a actriz de Airiños Mercedes Pimentel recitou un par de poemas de Xesús Rábade.
Ovación para o rapeiro
A parada máis intensa foi a que o grupo fixo ao pé do pazo do Martelo. Coas notas que brotaban do acordeón de Sabela Galán, o tamén actor da mítica compañía de teatro de Asados Xián Iglesias ilustrou aos presentes sobre a valía de tres importantes recursos de Galicia: as árbores, as vacas e os peixes. O colofón chegou da man do ribeirense Antón Parada que, a ritmo de rap, fixo a súa particular análise da situación actual de España, comparándoa co labor que no pasado fixeron galegos como Rosalía de Castro, Moncho Reboiras ou Manuel Antonio. A orixinal canción foi merecedora dunha gran ovación.
Cunha música ben distinta, a das gaitas galegas, o grupo acadou o seu derradeiro destino: o busto do autor de Cousas situado no paseo da Ribeira, no punto no que a vila se funde co mar ao pé das fiestras das que un día foron as residencias de Castelao e de Manuel Antonio. Alí, Xavier Vence fixo alusión ás similitudes da Galicia que o ilustre rianxeiro deixou para sempre hai 64 anos coa actual, referíndose á situación económica e aos «ataques» á cultura e ao idioma. Unha ofrenda floral e a interpretación do Himno Galego puxeron fin á emotiva xornada.
aniversario do pasamento do autor de «sempre en galiza»