Devolver aos mozos a ilusión polo socialismo é un dos principais obxectivos da agrupación que representa
06 ene 2012 . Actualizado a las 07:00 h.Ten só 23 anos pero na súa forma de expresarse xa se percibe o carisma e a forza dunha promesa política. Adriana Castro acaba de ser elixida secretaria de Xuventudes Socialistas de Boiro, un nomeamento que asegura que a pillou por sorpresa, pero co que xa se marca uns ambiciosos obxectivos. Devolver á xuventude a confianza nos gobernantes é, ao seu parecer, unha necesidade urxente para que o mundo comece a cambiar.
-¿Como empezou a interesarse pola política?
-Sempre tiven moitas inquedanzas e sabía que había moitas cousas que mellorar en Boiro. As gañas de facerme escoitar leváronme ata aquí, sempre da man de Jorge Campaña, que me apoiou desde o inicio.
-¿Cales son as necesidades máis urxentes que hai en Boiro?
-Penso que hai que ofrecer aos mozos máis alternativas de formación, para que non teñan que deixar o municipio para facer cursos. Tamén hai que fomentar a cultura e inculcar á xente nova condutas cívicas. Do botellón parece que non se fala, nin da necesidade de utilizar a bicicleta en lugar do coche.
-¿Cales son os principais obxectivos da agrupación que representa?
-Devolver aos mozos a ilusión do socialismo e seguir sendo un referente a nivel galego. Tamén facer que a xente nova se involucre e loite polos seus ideais. Neste momento están desencantados, pero todos sabemos que hai políticos bos e malos, e que desde que nos levantamos ata que nos deitamos todo xira arredor da política.
-¿Que debe ter un bo político?
-Penso que non basta con impoñer medidas, hai que explicalas á cidadanía e contar con eles. Neste sentido penso que Ibarra era moi bo.
-¿A quen admira?
-Felipe González é o meu máximo referente na política. Tamén me gustaron as medidas en dependencia e igualdade de Zapatero, aínda que penso que non foron ben valoradas.
-¿Por que cree que a elixiron como nova secretaria de Xuventudes Socialistas de Boiro?
-Non o sei, porque creo que son unha persoa insegura, aínda que tamén moi comprometida e inconformista. Penso que podo pór o meu gran de area para facer un mundo mellor.
-¿Ten algunha idea para saír da crise?
-Penso que, ante todo, o que non se pode facer é enganar á xente como fixo Rajoy, dicindo que non subiría os impostos. Desde que o nomearon non houbo apenas ocasións nas que se dirixiu aos cidadáns. Penso que hai cousas sagradas como a educación e a cultura nas que non se pode recortar. Non se pode facer máis dano.
Adriana castro secretaria de xuventudes socialistas de Boiro
«Hai cousas sagradas, como a educación e a sanidade, onde non se pode recortar»
«Sempre tiven moitas inquedanzas e sabía que había moito que mellorar en Boiro»