Algunhas persoas de aquí, cando proxectan ir a Galicia, pídenme que lles informe das cousas que eu considere de interese para non chegar e toparse co descoñecido, así que decidín facer unha montaxe dun deuvedé caseiro no que, pois iso, falo da Curota, das filloas á pedra da Baña, da festa do percebe de Aguiño, da carne á brasa de Mazaricos, do Nazareno da Pobra, do centro de interpretación de Neixón, do refuxio de Verdes en Coristanco, do pan de Cea, do carneiro ao espeto de Moraña e cousas así.
Tamén inclúo sitios que coñezo onde manducar ben e a prezo razoable, nos que un xa sabe que non che deixan quedar mal por aquilo do atraco ao forasteiro, onde mercar os produtos máis senlleiros como os mexillóns ou as empanadas de millo, das feiras e mercadiños de Noia e Padrón, das cetáreas de marisco, dos choquiños da ría para fritir, dos deportes náuticos e fluviais, así como unha referencia ás festas gastronómicas de Galicia. Tamén da caña das herbas e dos grelos. En fin, o que faría calquera galego orgulloso do seu, que non é pouco.
Hai uns días celebrouse aquí a festa trinitaria berberisca na que, entre outros chiringuitos, había unha polbeiría duns paisanos de Lugo. Estaba tan baleira que ata outro feirante aragonés dedicado á asadoría de porcino con leña e carbón vexetal, que non daba abasto, díxome que lle producía mágoa, polo que quixen pescudar un pouco e, para entaboar conversa, pedinlle un viño da terra, ofrecéndome un Ribeira Sacra tinto tan frío coma se dunha caña de cervexa se tratase e tiña tanto de mencía coma eu de frade. No que atinxe ao polbo, os pratos de plástico non eran de ración senón de tapeo, e a pota de aceiro inoxidable.
Pregunteille polo tema e díxome que non estaba permitido o prato de madeira de pino de sempre por cuestións de hixiene, nin as potas de cobre por cuestións sanitarias. ¡Meu Deus -pensei-terei que cambiar as tubaxes da casa e cada vez que me sirvan o polbo en prato de madeira farei unha denuncia por atentado á saúde pública!.
Nunca deberiamos esquecer que a Galicia meiga, coa queimada e o conxuro incluídos, forma tamén parte do encanto daqueles que nos visitan, e cando perdamos os nosos costumes e rituais, entón, perderemos tamén o futuro.