Un cómic recompila a historia do sucedido na Costa da Morte coincidindo coa invasión francesa
11 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.O cómic 1809, A rebelión Neria
foi presentado no Pindo o pasado fin de semana. A obra de Alberto Varela Ferreiro vén a dar testemuño da presenza das tropas napoleónicas na Costa da Morte, durante a ocupación francesa, e as loitas que contra eles protagonizaron os pobos das comarcas do territorio no que se asenta a asociación Neria.
A deputada autonómica Marisol Piñeiro exerceu de anfitrioa do acto, celebrado no colexio San Crimenzo, manifestando o seu orgullo de nacer nestas terras e animando á veciñanza a unirse para defender os intereses e ambicións de cada pobo, coma fixeran a comezos do século XIX os residentes nestas terras. A parlamentaria dixo: «O argumento do cómic éme moi próximo a min, pois ao parecer eu descendo dun daqueles invasores franceses».
O secretario de Neria, Xan García, entidade que promoveu e patrocinou, xunto coa Deputación da Coruña, a publicación, destacou a importancia de manterse unidos para potenciar e defender os intereses comúns dos residentes na Costa da Morte. «Fixéronse 10.000 exemplares do cómic, que enviaremos a todos os colexios da comarca, pois queremos que os nenos coñezan o seu pasado», comentou o dirixente do colectivo.
Varios autores
O cómic 1809, A rebelión Neria
baséase nun traballo de recompilación histórica do acontecido nos concellos da Costa da Morte ao longo da invasión francesa, realizado por Alejandro Lamas, Salvador Mosteyrín e Xosé Ramón Rey. O autor do guión, dos debuxos e da maqueta, Alberto Varela, explicoulle ao público presente no acto que o libro trata de ser un fiel reflexo do acontecido na comarca no ano 1809. Así, sinalou: «A historia tamén se pode contar en formato cómic. Os nenos e tamén os maiores podemos achegarnos a calquera faceta do saber a través dos debuxos. Coido que nesta ocasión logrouse unha obra moi meritoria».
Varela Ferreiro tamén amosou as técnicas empregadas na elaboración do libro, os datos históricos manexados sobre o vestiario, o armamento e os barcos; así como os aspectos ambientais da comarca.
En canto ao contido da historia, ademais de tentar reproducir feitos reais, mestúranse unha serie de anécdotas, relatadas por personaxes que participaron nos feitos. Hai desde detalles sobre a alimentación da época ata anécdotas relacionados cos costumes dos pobos.