«Se tiveramos un recinto feiral poderiamos montar un mercado de oportunidades ao mes»

La Voz

BARBANZA

O sector comercial e hostaleiro ten un peso moi importante dentro da asociación. -¿Cales son as debilidades e as fortalezas do comercio en Ribeira? -O sector comercial estao pasando mal porque ten que competir con grandes áreas. En Ribeira hai moitos autónomos, e vense prexudicados porque nos últimos anos a xente intenta aforrar cada vez máis. Desde a asociación impulsáronse actuacións moi interesantes e positivas para o comercio, como a conversión das rúas en peonís, que xerou moito contento. Agora, un dos obxectivos que nos marcamos é atraer á xente os sábados, para que veña mercar a Ribeira. En canto á hostalería, entre as súas principais preocupacións está agora o tema dos horarios de peche. -Ribeira foi pioneira na zona na organización de feiras de oportunidades. ¿Hai previstas medidas similares? -Gustaríanos facer, en lugar dunha feira soamente, organizar unha no verán e outra no inverno, pero os comerciantes compran cada vez menos mercancía, polo que é un pouco complicado. Ademais, instalar unha carpa de mil metros cadrados custa moito, por iso sería necesario construír un recinto feiral e poderiamos montar un mercado ao mes, por exemplo. O Concello xa ofrecera á Xunta uns terreos na Carballa para facelo. -¿Aumentaron os socios na entidade nos últimos anos? -Nestes momentos hai máis de trescentos socios. Houbo unhas altas recentemente, pero tamén houbo moitas baixas, tanto por peches de negocios debido á crise, como por xubilacións ou polo propio contexto económico, xa que nestes tempos, pagar oito euros ao mes pode ser moito. -¿Como están as comunicacións na comarca? -Hai boa comunicación con Santiago, por exemplo, pero se hai que ir ao aeroporto pérdese moito tempo porque está moi mal comunicado. Precisariamos un acceso directo ao aeroporto. Tamén é moi necesario construír unha liña de tren en Vilagarcía e Catoira que chegara ata Ribeira. Por outra banda, a conexión cara Pontevedra tamén está moi mal. Habería que construír un enlace desde a autovía do Barbanza ata a autopista AP-9 pola zona de Catoira.