Atopar un tesouro é desexo vello, pero os tesouros, por agochados, non se deixan conquistar doadamente, son máis fuxidíos ca Carducho cando xogabamos á queda. Para conquistar os das lendas hai que ser moi pillabán e para encontrar os dos piratas moi ousado.
Mais, ¿que é un tesouro?, porque aínda que nolo poñan diante dos ollos, non todo ten o mesmo valor para cada un de nós, e se non, a quen o negue, preguntádelle que lle pediría ó xenio da lámpada se o atopase, e veredes como mentres un pide ouro, outro pedirá saúde e algún aínda haberá que lle solicitará traballo. Logo viría a pregunta de que sería cada quen capaz de facer ou dar por acadar o pedido, e aí a necesidade pode levar desde quen lle vendería a alma ó diaño ata o que se deixaría cortar unha man por ter un cofre de moedas fóra de circulación, pois de vello é sabido que por el, por conseguilo ou descubrilo, todo vale, que xa Lope de Vega deixou dito aquilo de: «so color de religión van a buscar plata y oro», porque o mundo, desde que é mundo, só se moveu pola ansia de posuír o propio e o alleo baixo a desculpa que fose, e máis aínda neste mundo e época que os entendidos designan de dominio materialista, como se a primeira guerra que houbo desde que o home é home, e incluso antes de selo, non fose por posuír o que era de outro, e a procura dun tesouro segue sendo ansia liberadora, e os baúis e cofres o envoltorio preferido, aínda que nas nosas mámoas e castros se mostraba unha preferencia especial polas olas de barro.
Sen embargo, de todos os cofres que se usaron ao longo da historia e desde que o mundo é mundo, os tesouros máis prezados, non se gardaron noutra caixa que non fose de zapatos ou galletas. E estas, as caixas de galletas holandesas, que os navegantes traían cando viñan de vacacións, tiveron unha dura competencia coas de Cola cao, aló pola década dos anos sesenta e setenta, pero mentres estas ficaron para gardar especias aquelas seguiron gardando as pequenas posesións da nosa infancia.
Na escola de don Vicente imaxinábamos que algún día, nalgunha illa da ría, encontraríamos o tesouro que algún pirata autóctono, deses que permanecían silenciados pola aura aventureira dos das películas do cine Millán, agochou nun secreto recuncho, evidentemente, e iso ninguén o discutía, o tesouro estaría no seu cofre de madeiras nobres reforzadas con ferretes aceirados, nun lugar indicado por un mapa que medía as distancias en tibias de bucaneiro, quen sabe se tomando as coordenadas desa maneira tan nosa como se fosen marcas de fanequeira; pero dentro do cofre, entre as moedas de ouro, habería unha caixa, de zapatos ou de galletas, e dentro dela a verdadeira fortuna que a nosa idade solicitaba, algo que nos fixese diferentes e superiores.
Daquela non sabiamos que no tempo dos piratas das películas non había caixas de zapatos nin de galletas, pero a imaxinación é libre e a fantasía unha esperanza que oxalá nunca se perda.
Daquela tampouco sabíamos que corenta anos despois, facendo limpeza, quen máis e quen menos atopará o seu prezado tesouro nalgunha desas caixas que ten no faiado, un tesouro que nos devolve a memoria doutro tempo, as ilusións infantís, quen sabe se nunha caixa de zapatos que un antepasado trouxo de Italia, onde se garda un feixe de cartas que, lidas con calma, contan unha historia real, cargada de datos de época e con moitas referencias persoais que lle dan ó cartafol carisma de novela.
Esas novelas familiares que deberían ser recollidas, e incluso transcritas para non perder a memoria de quen vimos sendo, aínda que, ás veces, nos doia lembrar o tempo ido.