Formación a través da Rede

BARBANZA

A Aula Mentor que funciona en Boiro permite matricularse en máis dun cento de cursos «on line»

28 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A falta de tempo para asistir ás clases xa non é escusa para que os barbanceses se resistan a mellorar a súa formación. Desde hai unhas semanas funciona na casa de cultura de Boiro unha Aula Mentor, unha oficina á que os veciños poden acudir para matricularse en máis dun cento de cursos para realizar a través de Internet.

Esta Aula Mentor serve de enlace entre os alumnos potenciais e o instituto San Clemente de Santiago, que é o encargado de coordinar este ambicioso plan formativo. Na casa de cultura da Cachada, todos os veciños de Barbanza poden acceder á información, matricularse e utilizar equipos informáticos conectados á Rede.

O singular destes seminarios é que lle permiten ao alumno elixir o horario lectivo, o lugar desde o que quere asistir ás clases e o momento do ano no que desexa iniciar a súa formación, posto que o período de inscrición só está pechado en agosto. En canto ao custo, a matrícula por dous meses de clase ascende a 48 euros, unha contía que da dereito a presentarse a un máximo de dúas convocatorias de exames. Estas probas teñen lugar en febreiro, abril e xuño.

Exames persoais

Pero, quizais, o que máis atrae deste plan formativo e que o fai distinto de outros de similares características é que o alumno dispón dun titor. Esta persoa é a que se encarga de supervisar os exercicios, e tamén a que decide, no momento no que o considera oportuno, enviar ao estudante a exame. Iso si, as probas fanse de xeito persoal e, en principio, no instituto San Clemente de Compostela.

No caso de que se conseguira un número importante de alumnos para un exame concreto, analizaríase a posibilidade de que o persoal do centro educativo se trasladase á vila boirense.

O contido do plan formativo é moi amplo, abarca desde as áreas de informática, Internet e ofimática ata as de idiomas, pasando por materias tan diversas como o debuxo, o deseño, a electrónica, a saúde ou a cultural en xeral. Pode consultarse toda a información na páxina web www.mentor.es.

A coordinadora deste programa formativo en Boiro é a técnica Elena Dosil, quen valorou positivamente o arranque do proxecto: «Houbo varias matrículas, pero sobre todo moita xente que chamou para interesarse polos cursos aos que pode acceder».