A emigración nunca é unha aventura, senón unha necesidade que co tempo si pode converterse en aventura, que ó longo dos anos vai reconvertendo a ansia de facer fortuna na necesidade de regresar á patria, á casa, á propia terra.
Un pode ter todas as comodidades e luxos posibles en terra allea, pero sempre será en terra allea, e por iso, ó final, chega un momento na nosa vida que nos reclama a volta ós eidos natais.
Xa sabemos aqueles versos de Rosalía: «Miña casiña meu lar, cantas onciñas de ouro me val»; uns versos que, a pesar de non ser específicos sobre a emigración, recollen o sentimento natural de todos nós, o amor ó fogar e a necesidade de estar nel.
Homero, oitocentos anos antes de Cristo, tocou o tema nos primeiros cantos da Odisea , contándonos aquel momento no que Ulises, despois de perder dez anos nunha guerra á que foi por compromiso, volve á súa terra, nunha complicada viaxe que ó final lle fará perder outros dez anos máis recalando de porto en porto sen encontrar ventos favorables; porque ningún emigrante volve cando quere, senón cando pode.
Como sabemos, o heroe que loitaba contra a adversidade con toda a valentía e enxeño de que era capaz, ten como meta vital o regreso a carón da súa esposa e do seu fillo, pero nunha destas, os ventos do infortunio arrastrárono polo Mediterráneo, levándoo por lugares nos que as aventuras aparecen sen ser procuradas, ata tocar terra nalgún lugar da costa africana, segundos os estudosos fronte a Xibraltar, onde vivía a fermosa ninfa Calipso, quen, namorada do errante nauta, retívoo ó seu carón ofrecéndolle a inmortalidade, quizabes o tesouro máis ansiado pola condición humana, un tesouro procurado ó longo da historia por todos os homes e mulleres e polo que ninguén dubida en arriscar a propia vida.
No pazo de Calipso Ulises tíñao todo; ademais dunha vida sen perigos nin enfermidades, alí podía ficar cos seus compañeiros para sempre, sen necesidade de se enfrontar ó capricho dos deuses nin dos homes, nunha estancia descansada a carón de fermosas ninfas que pasaban o día fiando e cantando, paseando por amplos xardíns nos que non faltan froiteiras e mananciais, unha terra onde semella que sempre é primavera, e nunca obrigaba ós seus habitantes a pelexar polo sustento, a non derramar nin unha gota de suor para conseguir o pan de cada día. Aquel era o ansiado paraíso que todos os deuses prometen e moi poucos acadan.
Durante un tempo, o famoso xenio ficou naquel edén onde lle daban todo feito, e incluso, segundo contan, chegou a ter un fillo coa súa amante, mentres na súa casa, a esposa pelexaba día e noite contra unha cohorte de cazadores de dote que agardaban que a longa ausencia do hábil arteiro se resolvese cun certificado de defunción por longa ausencia.
E todos coñecemos a pasaxe de cando ela, para enganar ós pretendentes, aseguraba que, cando rematase de confeccionar o tapiz que bordaba, escollería ó seu novo marido, e como, mentres eles agardaban ela pola noite descosía o cosido ao longo do día, segura de que o seu esposo había de volver. A esposa fiel ó ausente.
Pero unha tarde, Ulises, nun estado de melancolía, revélalle á amante o seu pesar: «Non o tomes a mal, excelsa deusa, que eu ben sei que Penélope non se che pode comparar en beleza nin en nobreza, pero eu desexo volver á miña terra».
E é que, ó escoller entre os praceres que Ulises tiña lonxe da patria ou a vida cos seus na súa casa, preferiu volver a Ítaca e ser un mortal máis.