Aguiño, a un click de rato

C. Alfaya

BARBANZA

A web oficial que conmemora os 50 anos da parroquia recibiu máis de 7.500 visitas dende a súa creación

28 jul 2009 . Actualizado a las 10:57 h.

«Incrible pero certo». Esta foi a resposta do presidente da asociación Francisco Lorenzo Mariño, Unai González, despois de darse a coñecer que nos escasos 20 días que leva a web oficial de Aguiño en funcionamento recibiu a visita de case 400 persoas por día.

O pasado día 9 púxose en funcionamento unha web para celebrar o 50 aniversario da parroquia de Aguiño. Dende o seu nacemento, rexistrou máis de 7.500 visitas. Ademais, case un cento de persoas fixéronse usuarias para recibir quincenalmente un boletín de novas coas actualizacións da páxina ao seu correo electrónico. «Estamos gratamente sorprendidos da boa acollida que está tendo a iniciativa», afirmou González.

A páxina complétase semanalmente coas novas culturais que van tendo lugar na parroquia. Ademais, existen outros apartados nos que os internautas poden ampliar os seus coñecementos sobre o patrimonio histórico, etnográfico e paisaxístico do pobo, facendo especial fincapé nos 50 anos que celebra . «Trátase de abrir unha ventá ao mundo sobre o que se pode ver en Aguiño», di González.

Unha galería de fotos e de vídeos dan boa nota do desenvolvemento que a parroquia tivo dende hai medio século. Divididas en diferentes carpetas segundo os acontecementos, as imaxes dan testemuño da historia e do paso do tempo transcorrido.

As fotografías e as gravacións recollidas na web son froito do esforzo de documentación que están facendo dende a asociación Francisco Lorenzo Mariño e das achegas particulares dos veciños. «Pensamos facer un libro recompilatorio con algunhas das imaxes que están na web para final de ano» anunciou Unai González.

Foro sen éxito

E aínda que o éxito da web está sorprendendo aos organizadores, o foro que se puxo en marcha dentro da páxina para potenciar a interactividade e que os usuarios fagan suxestións e preguntas non está tendo a mesma acollida: «Non recibimos ningunha mensaxe, pero esperamos que este servizo vaia chamando máis a atención».

O obxectivo a longo prazo é que a web se converta nun espazo para dar a coñecer a parroquia. Deste xeito, os encargados da actualización están levando a cabo unha gran labor de documentación para completar a historia de Aguiño.