Tres meses en plena forma

BARBANZA

Para festexar os 90 días da súa apertura, a piscina de Rianxo ofrece unhas actividades especiais aos usuarios

28 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Sexa polo motivo que sexa, ben por facer algo no tempo de lecer ou porque había en Rianxo moitas ganas de gozar dunhas instalacións deportivas de primeiro nivel, o certo é que a posta en funcionamento da piscina municipal resultou ser todo un éxito. E para celebralo e festexar os tres meses da súa apertura, nos que se superou o milleiro de usuarios, estes días estanse a desenvolver unha serie de actividades especiais, tanto no vaso coma na zona do ximnasio.

Na piscina estarán instalados ata mañá uns inchables aos que terán acceso todos os usuarios e dos que onte xa gozaron os cativos que se achegaron ás instalacións pola tarde. Aínda que tamén os maiores se poden divertir neste enormes flotadores, son os rapaces os que máis os aproveitan. E para que a diversión sexa completa, os escolares con carné de socio poderán levar estas xornadas a un amigo que non sexa usuario para que coñeza o recinto.

Actividades de sala

Tamén fóra da auga haberá iniciativas alleas á programación habitual da piscina en forma de clases dirixidas, aínda que estas accións están dirixidas exclusivamente a persoas maiores de idade.

A primeira destas actividades tivo lugar a semana pasada e consistiu nunha clase especial de ciclo indoor, unha disciplina que se imparte nas instalacións rianxeiras dende comezos deste mes e que está a ter gran aceptación. A seguinte actividade de sala será mañá pola tarde e consistirá nunha sesión de capoeira na que os participantes poderán familiarizarse con algúns movementos básicos.

A continuación, desenvolverase unha clase de defensa persoal para mulleres, actividade que porá o punto e final ás clases dirixidas incluídas nas iniciativas para festexar os tres meses da apertura das instalacións rianxeiras.

Ademais, esta é unha oportunidade que os responsables da piscina queren aproveitar para captar novos usuarios.

Acceso libre

Deste xeito, nas actividades organizadas estes días, non só poderán participar os abonados, se non que estes poderán invitar a alguén que non o sexa, aínda que terá que dar o seu nome na recepción.

Deste xeito, esas persoas poderán coñecer as instalacións e a oferta deportiva.